Consellería de Economía e Industria
Lorenzana destaca que Francia é “un aliado fundamental” na vocación internacional da economía galega, ao concentrar a quinta parte das exportacións

- A conselleira de Economía e Industria participou no Encontro entre a Comunidade franco-española e a súa relación coa Universidade, foro organizado pola Politécnica de Madrid
- Remarcou que Francia é “un investidor chave” e un socio estratéxico co que Galicia comparte “unha relación comercial sólida”, especialmente nos sectores que definen “o noso modelo industrial e produtivo”
- Lorenzana lembrou que as exportacións galegas con destino ao mercado francés sumaron preto de 5.300 millóns de euros e considera unha prioridade “fortalecer os lazos con Francia e seguir potenciando as relacións, pois creemos na cooperación e na competitividade”
- No foro bilateral da Universidade Politécnica de Madrid a conselleira puxo en valor que “Galicia é un territorio atractivo para o investimento estranxeiro” porque “ofrecemos estabilidade, certezas e un entorno favorable para o desenvolvemento empresarial”
- Na súa intervención no Encontro argumentou que o Goberno galego aposta por unha economía aberta e competitiva que exporta calidade, innovación, talento e valor engadido
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, remarcou que as exportacións galegas a Francia representaron no ano 2023 case o 20% do total das vendas ao exterior con orixe na Comunidade galega. Durante a súa participación no Encontro entre a Comunidade franco-española e a súa relación coa Universidade -foro organizado pola Universidade Politécnica de Madrid-, destacou que Francia é un investidor chave e un socio estratéxico co que Galicia comparte unha relación comercial sólida e “mostra disto é que as exportacións ao país galo acadaron preto de 5.300 millóns de euros” de importe económico, detallou. Na súa intervención, a conselleira puxo en valor que Galicia é un territorio atractivo para o investimento estranxeiro porque “ofrecemos estabilidade, certezas e un entorno favorable para o desenvolvemento empresarial”, subliñou.
Neste sentido, sinalou que o Goberno galego aposta por unha economía aberta e competitiva que exporta calidade, innovación, talento e valor engadido. E segundo explicou, Francia é un aliado fundamental na vocación internacional que ten a economía galega, unha relación que se sustenta en sectores estratéxicos que “definen o noso modelo industrial e produtivo” apuntou.
Así, fixo alusión á automoción, que definiu como “o motor das nosas exportacións”, con máis de 2.000 millóns de euros vendidos a Francia o ano pasado; e aos sectores téxtil ou agroalimentario, “que reforzan aínda máis a nosa presenza no país galo”, sinalou. Así mesmo, explicou que a prioridade da Xunta é fortalecer os lazos con Francia e seguir potenciando as relacións, pois “cremos na cooperación e na competividade”, matizou.

























