Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Pesca, biotecnoloxía e sector TIC son tres dos eidos con potencial para as relacións comerciais de Galicia e Miami-Dade

- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación abordou novas liñas de colaboración en comercio exterior nun encontro con representantes de Miami Dade Beacon Council.

- Trátase dun destino estratéxico e chave para as empresas galegas que buscan posicionarse no mercado dos Estados Unidos ou abarcar desde Miami as principais prazas de Latinoamérica.

- A Xunta amosou interese en estreitar vínculos en sectores como as TIC e a biotecnoloxía, pola conexión co proceso de dixitalización do tecido empresarial galego, e a delegación estadounidense salientou o potencial para sectores produtivos como o pesqueiro.

- As exportación galegas a Estados Unidos duplicaron volume no primeiro trimestre de 2022, ao cifrarse en preto de 159 millóns de euros.

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e Miami Dade Beacon Council, entidade de referencia no desenvolvemento económico deste condado da Florida que é clave para abordar os mercados de Estados Unidos e Latinoamérica, reforzan os seus lazos comerciais na procura de novas oportunidades de internacionalización para o tecido empresarial galego. Coincidindo coa recente cita mundial de Navalia, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes de Miami Dade Beacon Council, a asociación oficial público-privada que lidera o pulo empresarial e económico do condado de Miami-Dade, punto neurálxico para as relacións empresariais con Estados Unidos.

A reunión serviu para reforzar os lazos comerciais con esta área, un destino estratéxico para empresas galegas que queiran expandirse a Estados Unidos, e tamén para as que queiran xestionar as operacións do mercado latinoamericano desde alí.

A delegación estadounidense, encabezada pola comisionada do distrito 7 do condado de Miami-Dade, Raquel Regalado, e o director executivo da xunta directiva do Beacon Council, William Talbert, mantivo tamén encontros coas Cámaras de Comercio, a Confederación de Empresarios de Galicia e os sectores loxístico, TIC e naval, incluíndo unha visita a Navalia.

Na reunión co vicepresidente primeiro da Xunta amosáronse interesados nos diferentes sectores produtivos galegos, entre os que destacaron a pesca, mentres que Galicia mostrou o seu interese por estreitar vínculos en sectores como as TIC, para a dixitalización do tecido empresarial; ou a biotecnoloxía. Pola súa banda, Conde destacou como referentes da industria en Galicia a automoción, o téxtil, o naval e a industria agroalimentaria; e sectores emerxentes como a biotecnoloxía e o aeroespacial. Ao mesmo tempo, avogou por abrir novas canles de comercialización de produtos.

No primeiro trimestre de 2022, as exportacións galegas a Estados Unidos ascenderon a preto de 159 millóns de euros, duplicando ás do mesmo período de 2021 (cun incremento do 107% en taxa interanual). Para continuar fomentando a internacionalización das empresas galegas, a Xunta de Galicia conta coa Estratexia de Internacionalización 2025, dentro da cal se enmarca a actuación das seis antenas comerciais despregadas polo Igape por todo o mundo, unha das cales está en Miami.

A antena do estado da Florida comezou a súa actividade en agosto de 2020, e neste tempo colaborou no proceso de internacionalización das empresas galegas dando apoio a distintas misións comerciais, celebrando encontros ou prestando asistencia a unha trintena de sociedades mercantís de Galicia na súa prospección comercial.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia