Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Galicia está entre as comunidades que lideran a captación e retención de talento científico

- O Programa OPORTUNIUS atrae a 11 investigadores de prestixio na Unión Europea, ao sumarse dúas incorporacións este ano.

- Con 32 proxectos e 72 millóns de euros en captación de recursos, Galicia é a quinta Comunidade máis activa nas convocatorias do Consello Europeo de Investigación (ERC).

- Francisco Conde salienta que a Xunta prevé investir máis de 220 millóns de euros ata 2024 en liñas centradas en seguir impulsando o talento científico na Comunidade.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou no II Encontro Oportunius que este programa impulsado pola Xunta permite coidar e ampliar o talento en Galicia, ofrecendo a posibilidade de captar e reter ao persoal investigador con maior prestixio da Unión Europea. Así, a través desta iniciativa, traballan en Galicia nove investigadores e investigadoras recoñecidos coas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC), e, tal e como anunciou Conde, este ano a Xunta apoiará a contratación de dous novos Oportunius, sumando deste xeito 11 desde a posta en marcha do programa.

Ademais destas contratacións, a través de Oportunius achégase financiamento complementario para os gañadores de axudas ERC; e apoios económicos e servizos de formación e asesoramento para os finalistas; así como o impulso necesario para que os investigadores e investigadoras cun alto potencial participen nas convocatorias.

QUINTA COMUNIDADE CON MÁIS PROXECTOS

Isto ten contribuído a que Galicia sexa a quinta comunidade en número de proxectos ERC (32) e volume de recursos captados (72 millóns de euros), con 25 investigadores e investigadoras recoñecidos con estas axudas traballando na Comunidade. Ademais, a Universidade de Santiago ocupa a sexta posición no ránking de universidades españolas en número de investigadores ERC. Deses 25, nove están contratados a través do programa Oportunius da Xunta a través da Axencia Galega de Innovación.

CREACIÓN DE 165 EMPREGOS EN 2021 O vicepresidente económico apuntou que o Oportunius ten impactos positivos en eidos como a creación de emprego cualificado, con 165 postos de traballo creados en 2021 polo persoal investigador titular de proxectos ERC; ademais de na captación de fondos doutras convocatorias nacionais e internacionais, na transferencia de coñecemento e na formación doutoral. Conde salientou tamén que arredor do 30% dos proxectos ERC que se desenvolven en Galicia están liderados por mulleres, o que anima a perseverar no obxectivo de seguir impulsando o binomio muller e ciencia.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación sinalou que, para seguir avanzando neste eido, a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia inclúe unha liña de actuación específica centrada nas persoas e no talento, que incide na importancia de captar perfís especializados cara a I+D+i galega. E para iso, prevense 220 millóns de euros de investimento público-privado ata 2024 para desenvolver diferentes programas de impulso ao talento científico.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia