Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta fortalece o sector exterior galego cunha nova convocatoria do programa Bolseiros de internacionalización

- Cun investimento de 2,4 millóns de euros, formará a 37 titulados de grao superior para a súa especialización en comercio exterior nunha trintena de destinos mundiais estratéxicos.

- Este programa impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación xa leva beneficiado a preto de 400 profesionais, que colaboraron na proxección internacional de empresas galegas en mercados como Estados Unidos, Canadá, México, Brasil, Arxentina, Xapón, Corea do Sur, Dubai, Filipinas ou Tailandia.

- Os obxectivos son impulsar as vendas ao exterior do tecido empresarial galego, reforzar a súa competitividade e mellorar a empregabilidade.

- O programa forma parte da Estratexia de Internacionalización de Galicia 2025, coa que o Goberno galego está a contribuír aos rexistros históricos das exportacións: en 2021 Galicia superou por primeira vez a barreira dos 25.000 millóns de euros.

A nova convocatoria do programa Bolseiros de internacionalización, que permite aos participantes adquirir competencias profesionais en mercados exteriores na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego. Desta volta, a iniciativa, impulsada a través do Igape pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, destina 2,37 millóns de euros para fortalecer a especialización en comercio exterior e a contratación de 37 mozas e mozos galegos.

A convocatoria vai dirixida a persoas nacidas a partir de 1995, con titulación universitaria superior, e achegará formación práctica conxunta en Galicia durante once meses, e especialización sobre o terreo en destinos mundiais, onde colaborarán, a través do Igape, en proxectos de internacionalización de empresas galegas.

Os países nos que os seleccionados completarán a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos Berlín, Bogotá, Chicago, Doha, Dubái, Dublín, Düsseldorf, Estambul, Estocolomo, Helsinki, Hong Kong, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, Lisboa, Londres, Miami, Milán, Nova Iorque, Oslo, Ottawa, París, Praga, Riad, Santiago de Chile, Sao Paulo, Seúl, Singapur, Tokio, Toronto e Iakarta.

A iniciativa contribúe á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.

Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de case 400 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como por exemplo Estados Unidos, Canadá, México, Arxentina, Brasil, Xapón, Corea do Sur, Tailandia, Filipinas ou Dubái.

Estratexia de Internacionalización 2025

A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización que está a promover o Goberno galego para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que están a acadar rexistros históricos. En concreto, no primeiro trimestre de 2022 as exportacións alcanzaron os 6.764,3 millóns, un incremento do 23,9% con respecto ao mesmo período de 2021, ano no que as vendas ao exterior superaron por primeira vez os 25.000 millóns de euros.

Neste contexto, cómpre salientar tamén o incremento do número de empresas exportadoras galegas: 4.434 entre xaneiro e marzo, preto da metade de todas as que exportaron en 2021, cando se acadou o récord con 9.360.

No marco desta Estratexia, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ten en marcha este ano outras medidas, como os programas Galicia Exporta Dixital, Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios. No primeiro caso, a iniciativa está en fase de avaliación das 240 propostas recibidas por pemes e autónomos galegos para impulsar plans de internacionalización en máis de 80 países.

A través destas tres liñas do Galicia Exporta, e co obxectivo de impulsar actividades de difusión, ferramentas dixitais e a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional, a Xunta dispón dun orzamento conxunto de 11,9 millóns de euros, cifra que agora se aproximará aos 15 millóns ao sumar os máis de 2,7 millóns do programa Bolseiros de internacionalización.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia