Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

As empresas interesadas na produción de bens e servizos tecnolóxicos con aplicacións en defensa, seguridade e aeroespazo xa poden solicitar as axudas ás que a Xunta destina 6 millóns de euros

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou na sede de Kreios Space, en Nigrán, na presentación da 7ª edición da aceleradora BFAero
  • Esta lanzadeira tecnolóxica leva apoiado 49 proxectos desde a súa posta en marcha en 2019, cun balance de 310 empregos cualificados, 28,6 millóns de euros en volume de negocio e investimentos por importe de 16 millóns
  • Entre as empresas que pasaron por BFAero están Kreios (Nigrán), Lupeon (Nigrán), Aquia Analítica (Oleiros), Aeromedia (A Coruña), ITG Drone Solutions (A Coruña), Arzeos Aircraft (Silleda), Luxit (Ourense) e Vig-Sec Drone (Nigrán), entre outras tecnolóxicas de nova creación
  • Lorenzana afirma que Galicia está “en condicións de chegar a operar como provedor tecnolóxico a nivel internacional”

Nunha visita ás instalacións de Kreios Space, en Porto do Molle (Nigrán), a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que as empresas interesadas xa poden solicitar as axudas da Xunta para a produción de bens e servizos tecnolóxicos de uso dual; é dicir, que poidan ter aplicación tanto no ámbito civil como no da seguridade e a defensa.

Lorenzana participou na sede de Kreios Space na presentación da 7ª edición da aceleradora BFAero e no acto de entrega de diplomas aos proxectos participantes na 6ª convocatoria. Sobre este programa, asegurou que “máis alá de ser unha forma de impulsar a innovación, a competitividade e o valor engadido da nosa industria, é, tamén, un acto de soberanía tecnolóxica”, dixo. “Cada satélite, cada dispositivo de loxística espacial, cada software que se deseña aquí posiciónanos nun mercado global altamente competitivo e, ademais, nun momento en que é máis necesario que nunca. E cremos que Galicia está en condicións de chegar a operar como provedor tecnolóxico a nivel internacional”, asegurou a conselleira de Economía e Industria.

Desde a súa posta en marcha en 2019, a BFAero leva apoiado 49 proxectos -dos cales 15 son empresas de nova creación- que xeraron máis de 310 empregos cualificados, 28,6 millóns de euros en volume de negocio e que levan realizado investimentos por valor de 16 millóns de euros. Ademais, cómpre salientar que os proxectos da 5ª e da 6ª edición captaron máis de 14 millóns de euros de financiamento público e privado. E que un 70 por cento deses recursos proceden de fondos de investimento privados, o cal é un indicador da confianza do mercado nas capacidades tecnolóxicas e no potencial de crecemento das empresas que participan en cada edición.

Como Kreios, que participou na 6ª edición, outras startups como Lupeon (Nigrán), Aquia Analítica (Oleiros), Aeromedia (A Coruña), ITG Drone Solutions (A Coruña), Arzeos Aircraft (Silleda), Luxit (Ourense) ou Vig-Sec Drone (Nigrán), tamén pasaron por esta aceleradora e, segundo dixo Lorenzana, son parte da pegada industrial que está deixando en Galicia.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia