Consellería de Economía e Industria
A Xunta avoga por conectar a capacidade industrial de Galicia coa innovación, a internacionalización e a captación de investimentos para impulsar a competitividade

- A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou no encontro “Looking at the Future”, organizado polo Club Cámara Noroeste, a importancia de transformar o potencial industrial da Comunidade en novas oportunidades de crecemento empresarial
- Lembrou que Galicia alcanzou en 2025 un valor engadido bruto industrial de 12.300 millóns de euros, o máximo da serie histórica, e que as exportacións levan tres anos consecutivos superando a barreira dos 30.000 millóns
- Sinalou que a Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, recentemente aprobada e dotada con máis de 400 millóns de euros, ten como obxectivo estender a innovación a máis empresas
- Na súa intervención enxalzou ademais a aposta do Igape por un modelo de acompañamento empresarial máis próximo, personalizado e proactivo
Durante a súa participación no encontro “Looking at the Future”, organizado polo Club Cámara Noroeste na Coruña, a directora do Igape, Covadonga Toca, destacou a aposta da Xunta por conectar a capacidade industrial de Galicia coa innovación, a internacionalización e a captación de investimentos para reforzar a competitividade das empresas galegas. Neste evento puxo en valor a sólida base industrial da Comunidade e a importancia de aproveitar as novas tecnoloxías para avanzar cara a actividades de maior valor engadido.
Neste sentido, a directora do Igape lembrou que Galicia alcanzou en 2025 un valor engadido bruto industrial de 12.300 millóns de euros, o máximo da serie histórica, mentres que as exportacións se situaron nos 30.939 millóns, superando por terceiro ano consecutivo a barreira dos 30.000 millóns. Sobre esta base, destacou a Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, recentemente aprobada pola Xunta e dotada con máis de 400 millóns de euros, que ten como obxectivo estender a innovación a máis empresas e conseguir que se traduza en maior produtividade, novos produtos, procesos máis eficientes e oportunidades de crecemento.
No ámbito da internacionalización, incidiu na importancia que ten como unha das grandes pancas de crecemento empresarial, destacando a necesidade de ampliar a base exportadora, diversificar mercados e reforzar a presenza das empresas galegas no exterior. Así, puxo en valor a rede de Antenas do Igape, actualmente presente en seis mercados estratéxicos, e a súa próxima ampliación a Brasil e Arxentina para aproveitar as oportunidades de negocio que ofrece o Mercosur.
MODELO DE ACOMPAÑAMENTO PROACTIVO
Así mesmo, Covadonga Toca salientou a evolución do Igape cara a un modelo de acompañamento empresarial máis personalizado e proactivo, que permita anticipar as necesidades das compañías e ofrecer respostas adaptadas a cada proxecto. Neste sentido, salientou o papel da Oficina Económica de Galicia, que desde a súa posta en marcha atendeu máis de 47.700 consultas, mantivo máis de 2.400 reunións con empresas e acompañou máis de 530 proxectos de especial relevancia.
Ademais, Toca Carús lembrou que o Igape contará en 2027 cun orzamento superior aos 280 millóns de euros para seguir impulsando o investimento, a innovación, o financiamento e a internacionalización das empresas galegas.
























