Consellería de Economía e Industria
Galicia asumirá desde marzo de 2027 a xestión dos permisos iniciais de traballo para estranxeiros

- O traspaso de competencias entre o Goberno central e a Xunta beneficiará aos descendentes de emigrantes galegos, ao axilizar os trámites e acelerar programas como o Retorna Cualifica Emprego
- A Oficina de Atracción de Talento permitirá xestionar as ofertas de emprego dispoñibles en Galicia adaptadas ao perfil de cada demandante, e desde o seu país de orixe
- A ratificación das nova transferencias, que inclúen o traspaso dos aeródromos e heliportos non cualificados de interese xeral, oficializouse en Santiago de Compostela nun encontro entre Alfonso Rueda e o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres
Galicia asumirá de xeito directo a tramitación dos permisos iniciais de emprego para a poboación estranxeira a partir do 1 de marzo de 2027, tras ratificarse o acordo competencial entre o Goberno central e a Xunta. O novo marco reparte as tarefas administrativas de xeito que as consellerías galegas asumirán o control sobre a concesión dos contratos na orixe, os labores de tempada e as solicitudes por conta propia e allea. Pola súa banda, os ministerios estatais continuarán tutelando o réxime de estranxeiría no tocante á residencia, ás relacións internacionais e ó bloque lexislativo común.
Este cambio nas competencias terá un impacto directo e moi positivo para os descendentes de emigrantes galegos no exterior, xa que a Xunta de Galicia busca unificar e axilizar os trámites para o seu regreso a través dunha xestión local e á carta.
ESTRATEXIA GALICIA RETORNA
Ata o de agora, un dos principais atrancos que atopaban os descendentes para regresar eran os tempos de agarda na burocracia estatal para validar permisos e contratos. Ao asumir Galicia as autorizaciones iniciais de traballo, a Administración galega poderá tramitar "paquetes conxuntos" de emprego que inclúan directamente o permiso de traballo sen depender de Madrid. Isto acelera programas clave como o Programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta de Galicia, que facilita o retorno de menores de 55 anos con contratos indefinidos garantidos, axudas económicas de viaxe e apoio á vivenda.
NOVA OFICINA DE ATRACCIÓN DE TALENTO
Coas novas funcións en materia de emprego estranxeiro, a Xunta centrará os seus esforzos na Oficina de Atracción de Talento. Esta entidade funcionará como unha ventá única para os descendentes. Nesta nova oficina poderán xestionar as ofertas de emprego dispoñibles en Galicia adaptadas ao seu perfil desde o seu país de orixe. Tamén poderán tramitar de xeito unificado o seu expediente laboral para a súa posterior inserción en empresas locais que precisan man de obra cualificada.
As repercusións de que a Comunidade pase a asumir a tramitación dos permisos iniciais de emprego variarán segundo a documentación coa que conte o descendente:
- Se xa teñen nacionalidade española (por exemplo, grazas á Lei de Memoria Democrática ou á Lei de Netos), non precisan autorización de traballo para residir en Españ Para eles, o beneficio do traspaso é indirecto, xa que a Xunta coordinará de forma moito máis eficiente as axudas económicas ao retorno, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) e a inserción laboral inmediata.
- Se non teñen a nacionalidade (por exemplo, fillos maiores, cónxuxes ou parellas de feito sen pasaporte español): Este grupo é o máis beneficiado directamente polo traspaso. Ao tratarse de cidadáns estranxeiros con vinculación familiar en Galicia, as súas autorizacións iniciais de traballo por conta allea ou propia tramitaranse directamente na comunidade autonóma, o que reducirá drasticamente os prazos para que poidan traballar legalmente desde o primeiro dí
En resumo, o traspaso serve para que a Xunta poida deseñar un traxe a medida para a diáspora galega, utilizando a xestión dos permisos de traballo como unha ferramenta atractiva para combater o reto demográfico e facilitar o regreso das familias.
FONDO OPERATIVO
Esta reestruturación administrativa complétase coa dotación dun fondo económico e operativo, que contará cunha partida inicial de 150.000 euros destinada a sufragar a posta en marcha e o mantemento técnico do servizo. Ademais está prevista a incorporación de cinco prazas de persoal funcionario que se repartirán nas catro provincias galegas, xunto coa cesión do espazo físico correspondente para o seu labor.
Como engadido a esta negociación de competencias, a Comunidade tamén tomará as rendas da xestión de 40 infraestruturas aeroportuarias de carácter non comercial -heliportos e aeródromos- a partir do 1 de xaneiro de 2027.
ACTO PARA O TRASPASO DAS NOVAS COMPETENCIAS
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no acto de traspaso á Comunidade das competencias das autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras e dos aeródromos e heliportos non cualificados de interese xeral. No marco da ratificación destas transferencias, mantivo un encontro co ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres. Tamén se reuniu a Comisión Mixta de Transferencias, formada por membros da Administración Xeral do Estado e da autonómica e que foi o organismo encargado de preparar estas cesións.
En canto ás autorizacións iniciais de traballo por conta propia ou allea para persoas estranxeiras cuxa relación laboral se desenvolva en Galicia, a Xunta pasará a asumir esta tarefa, pero a Administración do Estado seguirá sendo a competente nas autorizacións de residencia.
No que se refire aos aeródromos e heliportos non cualificados como de interese xeral, o traspaso afecta a un total de 40 infraestruturas: a gran maioría úsanse para a loita contra os lumes forestais, pero tamén para transporte sanitario ou salvamento marítimo. A Xunta pasará a ocuparse de autorizar os proxectos de construción ou modificación, a apertura ao trafico dos mesmos e os instrumentos de ordenación que lles afecten. A Administración do Estado seguirá ocupándose de funcións como o control aéreo, ou a función inspectora, que seguirá dependendo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).
























