Consellería de Economía e Industria
Rueda puxo en valor no encontro anual dos empresarios galegos do exterior o “papel clave” da diáspora no desenvolvemento económico de Galicia

- Na clausura das Xornadas do Encontro Mundial de Galegos, organizadas por Aegama na illa da Toxa, sinalou que a Comunidade vive un momento “especialmente atractivo, bo para o emprendemento e cunhas cifras de paro que seguen mellorando”
- Resaltou que Galicia achega estabilidade, seguridade e “brazos abertos” a quen queira vir a investir, e precisou que a Xunta ten unhas “prioridades claras” para axudarlles a solucionar problemas como as vacantes de difícil cobertura ou o absentismo laboral
- A Xunta facilita o retorno das novas xeracións de galegos, con medidas como a Estratexia Galicia Retorna ata 2026, as bolsas BEME para estudos de mestrado ou o apoio a redes empresariais
No encontro anual dos empresarios galegos do exterior que se vén celebrando cada verán na illa da Toxa (O Grove), o presidente da Xunta salientou o papel clave da diáspora galega como aliada estratéxica para o desenvolvemento económico da Comunidade. Durante a súa participación no acto de clausura das Xornadas do Encontro Mundial de Galegos, organizadas pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), Alfonso Rueda agradeceu o labor da asociación para reforzar os vínculos coa diáspora nun momento para Galicia “especialmente atractivo”, bo para o emprendemento e cunhas cifras de paro que seguen mellorando.
Neste sentido, o titular do Goberno galego referiuse á marca Galicia Calidade como a que “nos fai recoñecibles fora da nosa terra” e sinalou que o triunfo do talento empresarial galego no exterior é positivo para Galicia e un motivo de orgullo, ademais da nosa “mellor marca de identidade”.
Engadiu que a Comunidade galega achega estabilidade, seguridade e “brazos abertos” a quen queira vir a investir. Como consecuencia, asegurou que moitos empresarios estanse a fixar en Galicia e que o Goberno galego ten unhas “prioridades claras” para axudarlles a solucionar problemas como as vacantes de difícil cobertura ou o absentismo laboral.

RETORNO DE NOVAS XERACIÓNS DE GALEGOS
A Xunta está traballando para facilitar o retorno das novas xeracións de galegos, con medidas como a Estratexia Galicia Retorna ata 2026, as bolsas BEME para estudos de mestrado ou o apoio a redes empresariais como a propia Aegama.
No ámbito económico, destacan os bos resultados da Estratexia da internacionalización 2021-2025, que permitiu superar por primeira vez os 31.000 millóns de euros en exportacións e sumar xa máis de 9.300 empresas exportadoras, así como a creación da Oficina Económica de Galicia, que abrirá en Madrid a súa primeira sede fóra da Comunidade galega. Ademais, xa se está a traballar na nova Estratexia de Internacionalización 2026-2030 para diversificar mercados e apoiar a proxección internacional das empresas galegas.


























