Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda defendeu en Bruxelas a necesidade de reducir as disparidades entre rexións e a xestión descentralizada dos fondos de cohesión europeos

  • O presidente da Xunta liderou a delegación española no Comité das Rexións
  • Matizou que a busca da simplificación non debe supoñer unha recentralización da xestión dos fondos e asegurou que a política de cohesión foi un dos grandes motores do progreso europeo
  • Destacou que a integración europea de España e Portugal significou un dos grandes fitos recentes, que deu comezo a catro décadas “de gran prosperidade para ambos países”
  • No debate sobre o financiamento para a transición cara unha enerxía limpa, sostivo que as renovables son o xeito de xeración máis sostible e que constitúen unha aposta de futuro na que as rexións deben ter un papel protagonista

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, líder da delegación española ante o Comité das Rexións, defendeu reforzar unha visión territorial da Unión Europea con motivo dos 40 anos da adhesión de España. Durante a súa comparecencia para dar conta da súa viaxe a Bruxelas, o titular do Executivo galego defendeu que a redución das disparidades entre rexións en termos económicos debe ser un punto de unión para todos os defensores do proxecto europeo.

Neste sentido, salientou que todas as comunidades autónomas defenden a xestión descentralizada dos fondos de cohesión europeos como parte da gobernanza multinivel que debe caracterizar á Unión Europea, e na que se debe avanzar para que as rexións participen tanto no deseño como na execución dos fondos. Un modelo máis eficaz, sinxelo e flexible, que garante que as prioridades dos cidadáns teñen impacto nas decisións comunitarias “xa que ninguén ten máis coñecemento do territorio” que as rexións, e que non se deu en España co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Nesta liña, incidiu en que sería un erro “volver a unha Europa máis pequena” recentralizando nos Estados a xestión dos fondos co pretexto da “simplificación” e sinalou que a política de cohesión foi un dos grandes motores do progreso europeo, sendo útil para reducir os desequilibrios territoriais. No caso de Galicia, a comunidade recibiu máis de 30.000 millóns de euros en fondos de cohesión desde a súa entrada na Unión que permitiron que se achegase “cada vez máis á converxencia con Europa”. Esta foi a postura que defendeu na reunión que mantivo co vicepresidente de Cohesión e Reformas da Comisión Europea, Raffaele Fitto, en nome de todas as Comunidades españolas e xunto a outros 30 representantes rexionais.

CATRO DÉCADAS DE PROSPERIDADE

O titular do Goberno galego referiuse á celebración, xunto cos representantes da delegación portuguesa, da incorporación de España e Portugal á Unión Europea hai 40 anos, o que destacou como un dos grandes fitos recentes de ambos pobos. Nesta liña, sinalou que a integración deu comezo a catro décadas de gran prosperidade para ambos países, coa consolidación da democracia e o seu desenvolvemento socioeconómico.

Rueda tamén sinalou que Galicia e o Norte de Portugal son referentes na cooperación transfronteiriza, unha zona que cambiou moito “grazas á execución dos fondos sobre o terreo”.

O presidente, acompañado polas delegacións de ambos países, fixo entrega á presidenta do Comité, Kata Tüttő, dunha declaración conmemorativa dos 40 anos da sinatura de adhesión de España e Portugal ás Comunidades Europeas, motivo polo que interviu no inicio da 167 Sesión Plenaria do Comité Europeo das Rexións no hemiciclo do Parlamento Europeo.

Nesta mesma sesión plenaria, Alfonso Rueda participou no debate sobre o financiamento para a transición cara unha enerxía limpa. Segundo sinalou, as renovables son o xeito de xeración enerxética máis sostible e respectuosa co medio ambiente e tamén son esenciais para a autonomía enerxética da Unión, unha aposta de futuro na que as rexións deben ter un papel protagonista e na que Galicia “é líder en España”.

Neste sentido, o titular do Executivo galego destacou que a Unión Europea ten capacidade para superar obstáculos e impulsar, tanto desde o punto de vista normativo como financeiro, as capacidades das enerxías verdes.

Outro dos actos en Bruxelas para ambas delegacións foi unha reunión coa vicepresidenta de Persoas, Capacidades e Preparación da Comisión Europea, Roxana Minzatu, para abordar a aposta polo talento e formación dos profesionais europeos como ferramenta para competir no escenario internacional.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia