Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Consellería de Economía e a Fundación Arume potencian a cadea monte-industria e a marca de garantía `Pino de Galicia´

  • O convenio que veñen de asinar permitirá analizar a vertente económica, social, ambiental, territorial, industrial e de mercado para dimensionar o valor e relevancia do sector forestal
  • A partir dunha análise do posicionamento actual da marca `Pino de Galicia´, deseñarase unha estratexia de rebranding, ademais de incluír novos produtos e revisar os procesos de certificación e acreditación da madeira de piñeiro galego

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou un convenio coa Fundación Arume para o estudo, dinamización e posta en valor da cadea monte-industria vinculada, en concreto, ao piñeiro e á marca ‘Pino de Galicia’. O acordo contempla unha subvención de 164.482 euros entre os anos 2026 e 2027 e recolle diversas actuacións.

En primeiro lugar, en base a este acordo entre a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e a Fundación Arume, farase un estudo estratéxico da cadea de valor do piñeiro de Galicia, desde o monte ata os produtos finais, e analizarase a vertente económica, social, ambiental, territorial, industrial e de mercado para dimensionar o seu valor e relevancia. Tamén se reformulará a marca de garantía ‘Pino de Galicia’. Farase unha análise do posicionamento actual e, en base aos resultados, deseñarase unha estratexia de rebranding para complementar as necesidades detectadas, ademais de incluír novos produtos, revisar procesos de certificación e acreditación e redefinir a misión, visión e valores da marca.

Por outra parte, o convenio recolle accións de divulgación, como encontros intersectoriais e actividades para os máis novos. Neste sentido, organizaranse, por exemplo, dúas novas edicións do encontro intersectorial ‘Piñeiros’, no que se dan cita profesionais da cadea forestal-madeira.

A Fundación Arume é unha das principais organizacións do sector forestal-madeira enfocada de xeito específico á recuperación e ao desenvolvemento da madeira de piñeiro e á bioeconomía. Fundouse en xullo de 2019 e está integrada por empresas, serradoiros e outras entidades vinculadas a esta industria en Galicia.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia