Consellería de Economía e Industria
Rueda defende a capacidade do rural galego e das comarcas de interior para atraer investimentos industriais que sexan innovadores e contribúan á transición ecolóxica

- Destacou a importancia de analizar as propostas e proxectos “con moita esixencia” e autorizalos “para que a riqueza se quede en Galicia”.
- Avoga por un modelo asentado no binomio industria-enerxía e vencellado ao despregamento das renovables, nas que Galicia conta cun gran potencial
- O presidente da Xunta visitou en Curtis, na comarca de Betanzos, a planta que está a construír Vertex Bioenergy para producir CO2 bioxénico, produto renovable con moitas utilidades e fundamental para a elaboración de biocombustibles renovables
Nunha visita á empresa Vertex Bioenergy, en Curtis, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a capacidade que ten o rural para atraer investimentos industriais que sexan innovadores e que contribúan ademais á transición ecolóxica. Iniciou a súa intervención na planta industria enxalzando a localidade de emprazamento deste proxecto: “Curtis, un concello rural no corazón de Galicia que non perdeu a súa identidade”, sinalou Rueda. Neste municipio da comarca coruñesa de Betanzos, Vertex Bioenergy está construíndo unha nova planta de CO2 bioxénico, un produto renovable con moitas utilidades e fundamental para a elaboración de biocombustibles renovables.
O titular do Executivo galego agradeceu á empresa a súa aposta por seguir “mellorando, innovando e consolidando a industria” en Galicia, á vez que apostan por “formar o talento aquí para retelo”. Rueda salientou que iniciativas coma esta encaixan no modelo industrial que propón o Goberno autonómico: “innovador, sustentable e apegado ao territorio”. Neste sentido, sinalou a importancia de analizar as propostas industriais “con moita esixencia” e autorizalas para que “a riqueza se quede en Galicia”.
Lembrou que o modelo galego se asenta no binomio industria-enerxía, vencellado ao despregamento das renovables, nas que Galicia conta cun gran potencial. Con este obxectivo, a Xunta está poñendo en marcha unha serie de medidas como a Lei de recursos naturais, a repotenciación ou o novo plan sectorial eólico. O Goberno galego tamén está a apostar por este tipo de proxectos de almacenamento enerxético.

























