Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta convocará este ano a selección de empresas e centros tecnolóxicos para desenvolver o futuro polo de seguridade, defensa e aeroespazo

  • Na presentación do diálogo estratéxico cos tres sectores, María Jesús Lorenzana resaltou como obxectivo mobilizar todo o potencial industrial e tecnolóxico de Galicia no campo da defensa e as tecnoloxías de aplicación dual e xerar unha forte demanda de produtos, sistemas e servizos
  • A conselleira de Economía e Industria asegurou que as análises previas indican que a Comunidade ten capacidade alta para a fabricación do 75% das tipoloxías de compoñentes e servizos que se requiren, “o cal dá unha idea das oportunidades que terán as nosas empresas”, avanzou
  • Tras detallar as liñas da colaboración público-privada neste campo, concluíu que “Galicia está realmente posicionada para poder ser obxectivo de atracción de investimentos neste sector”
  • Nos vindeiros cinco anos vanse destinar 183 millóns de euros coa previsión de mobilizar ata 900 millóns, e co obxectivo de atraer empresas de especialización estratéxica como o naval, a automoción, o metal ou as TIC

A conselleira de Economía e Industria avanzou a intención da Xunta de realizar a finais de 2025 a primeira convocatoria que definirá que empresas e centros tecnolóxicos van traballar da man da Administración galega para impulsar a industria da seguridade, a defensa e o aeroespazo e que programas conxuntos de investimento se van executar nos vindeiros cinco anos. María Jesús Lorenzana fixo este anuncio durante a súa intervención na clausura dunha xornada na que lle foi presentada a empresas e entidades vinculadas a estes sectores a estratexia aprobada pola Xunta neste eido para abrir con eles un proceso de diálogo estratéxico, igual que se fixo no seu día para desenvolver o Polo Aeroespacial de Galicia.

“Queremos coñecer de primeira man as vosas necesidades reais a curto, medio e longo prazo para adecuar os instrumentos de apoio e investimento que estamos planificando e, deste modo, poder así obter os mellores resultados que permitan impulsar na Comunidade unha industria de seguridade e defensa que englobe, tamén, o sector do aeroespazo”, trasladou a conselleira.

Ademais apuntou que o obxectivo é mobilizar todo o potencial industrial e tecnolóxico de Galicia no campo da defensa e as tecnoloxías de aplicación dual e xerar unha demanda importante de produtos, sistemas e servizos, seguindo as prioridades marcadas por Europa. “O que nos pide a Comisión Europea a gobernos e administracións é que traballemos en xerar unha base industrial forte arredor do sector da defensa, que ten que pasar a considerarse non un gasto produtivo senón un investimento estratéxico”.

ALTA CAPACIDADE NO 75% DOS COMPOÑENTES E SERVIZOS

Ao respecto, a conselleira destacou que as análises previas que se realizaron para a elaboración desta estratexia conclúen que Galicia ten capacidade alta para a fabricación do 75 por cento das tipoloxías de compoñentes e servizos que se requiren, “o cal dá unha idea das oportunidades que terán as nosas empresas”, resaltou.

Para iso, precisou que se van destinar 183 millóns de euros nos vindeiros cinco anos coa previsión de mobilizar ata 900 millóns, e co obxectivo de atraer cara a estes segmentos de actividade empresas doutros ámbitos estratéxicos como o naval, a automoción, o metal ou as TIC, e materializar novos investimentos industriais.

A colaboración público-privada, dixo Lorenzana, vai ser clave. Así, a Xunta vai poñer en marcha convocatorias de Compra Pública Precomercial, seguindo o mesmo modelo que se empregou para o sector aeroespacial, que foi pionero en España: os acordos de asociación. Tamén se crearán consorcios de empresas e centros tecnolóxicos e publicarase este mesmo ano unha primeira convocatoria de axudas específica para facilitar a incorporación de novas empresas ao sector. Xa no plano do financiamento, activarase un Fondo de Investimento en Tecnoloxías Duais en XesGalicia (dotado con 40 millóns de euros) para apoiar proxectos e, dentro da Oficina Económica do Igape, crearase unha área específica de asesoramento empresarial.

María Jesús Lorenzana concluíu o acto de clausura da xornada animando ás empresas e centros de coñecemento a que participen activamente en todo o proceso de planificación: “Cremos que Galicia está realmente posicionada para poder ser obxectivo de atracción de investimentos neste sector”, subliñou.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia