Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O parque empresarial Lalín 2000 superará os 850.000 metros cadrados de superficie coa súa ampliación nun 58,4%, logo dun investimento da Xunta de 22,6 millóns

  • Os avances na Fase IV desta infraestrutura, que permitirá o regreso da oferta de solo empresarial á comarca do Deza, foron analizados pola conselleira de Economía e Industria e o alcalde de Lalín
  • O proxecto de urbanización foi aprobado polo Concello de Lalín, en setembro está prevista a aprobación do documento final e a ampliación licitarase no cuarto trimestre deste ano
  • As actuacións que ten en marcha a Xunta para dotar á provincia de Pontevedra de máis solo industrial aumentarán as dotacións actuais en case 3 millóns de metros cadrados

A Xunta de Galicia avanza na redacción do proxecto de urbanización da ampliación do Parque Empresarial Lalín 2000, tras a remisión por parte do Concello de Lalín dos informes sectoriais incorporados ao documento definitivo cuxa elaboración concluirá no vindeiro mes de setembro. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Lalín, José Crespo, no que analizaron as distintas demandas e necesidades do concello en materia de solo industrial.

Na reunión, a conselleira indicou que o obxectivo é dotar á comarca do Deza do solo empresarial necesario que contribúa ao seu desenvolvemento económico, facilitando o asentamento de novas iniciativas empresariais ou a ampliación das xa existentes, xa que nestes momentos non hai espazo dispoñible. Así, coas novas actuacións, o Parque Empresarial Lalín 2000 contará con 313.497 metros cadrados que se sumarán aos 536.758 actuais, polo que este polígono disporá dunha superficie total de 850.255 metros cadrados.

O proxecto de urbanización foi aprobado inicialmente polo Concello de Lalín que, tras o proceso de exposición pública, remitiu todos os informes sectoriais a Xestur para a elaboración do documento final, que se aprobará definitivamente en setembro. Así mesmo, a previsión é que a cuarta fase do Lalín 2000 se licite dentro do último trimestre do ano.

O Goberno galego, a través de Xestur, ten previsto unha inversión de 22,6 millóns de euros para ampliar nun 58,4% a capacidade do parque. Xa investiu 4,5 millóns de euros para adquirir a totalidade dos terreos e ten cedido temporalmente as parcelas ao centro social de Filgueira. Ademais, destinou 366.000 euros para o reforzo da subestación eléctrica e está a tramitar a autorización da liña de media tensión dende a subestación ata o parque.

AMPLIACIÓNS DE SOLO INDUSTRIAL EN PONTEVEDRA

A Xunta de Galicia está a impulsar diferentes proxectos para dotar á provincia de Pontevedra de máis solo industrial. Ademais da Fase IV do parque empresarial Lalín 2000, está prevista a ampliación do parque empresarial de Toedo (A Estrada), con 156.685 m2; e o de Louredo-Mos, con 479.464 m2. Ambos proxectos xa superaron a fase ambiental dos seus instrumentos de ordenación.

O pasado mes de maio a Xunta adxudicou o proxecto de urbanización de 86.964 m2 no antigo Centro de Transporte e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas (Pontevedra), que está ao carón do polígono do Campiño e o parque empresarial da Reigosa (Ponte Caldelas). Ademais, ese mesmo mes remitiu a tramitación ambiental o proxecto do Peose do Parque Empresarial de Fragamoreira (Poio), que sumará 374.229 m2 máis de solo para uso industrial.

E nas vindeiras semanas remitirá a tramitación ambiental a ampliación do parque empresarial do Campiño (Pontevedra), cunha superficie de 160.000 m2. Por outra banda, actualmente están en licitación a redacción do Peose da ampliación do polígono industrial do Pousadoiro en Vilagarcía de Arousa, cunha previsión de ampliar 212.254 m2 de solo industrial; e a licitación da denominada MI (área multifuncional industrial) da Plisan, cunha previsión de ampliala en 1,1 millóns de metros cadrados. En total, estas actuacións suman case 3 millóns de metros cadrados de solo empresarial que estarán á disposición das empresas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia