Consellería de Economía e Industria
A Xunta destaca o crecente interese das empresas galegas polo mercado xaponés e pon en valor o rol da Antena do Igape no país, aberta en 2024

- Covadonga Toca: “As empresas galegas exportan cada vez con máis valor engadido, máis capacidade tecnolóxica e maior diversificación de mercados”
- A directora do Igape enxalza que a Antena activa en Xapón leva xestionadas preto de trinta solicitudes de servizo de empresas galegas interesadas no mercado nipón
- En dous anos impulsou accións vinculadas a feiras internacionais como Foodex Japan, Mindtech, Stonegal ou Conxemar, así como misións inversas e encontros con entidades como Asime e Clusaga ou co sector vitivinícola
- Toca Carús detallou que Galicia pechou 2025 cun total de 253 empresas galegas que exportaron a Xapón por valor de 151,6 millóns de euros, un 25% máis que no ano anterior
Na inauguración da xornada `Claves para acceder ao mercado xaponés: oportunidades para as empresas galegas´, celebrada en Santiago de Compostela, a directora do Igape, Covadonga Toca, destacou o crecente interese das empresas galegas polo mercado xaponés e puxo en valor o papel que está a desempeñar a Antena do Igape en Xapón para facilitar a entrada das compañías galegas nun dos mercados máis sofisticados e esixentes do mundo.
Durante a súa intervención, Toca Carús sinalou que Galicia chega a este escenario “cun sector exterior cada vez máis sólido, diversificado e competitivo”, lembrando que a Comunidade pechou 2024 con cifras récord de exportacións e que 2025 confirmou esa fortaleza internacional. Neste sentido, incidiu en que as empresas galegas “exportan cada vez con máis valor engadido, máis capacidade tecnolóxica e maior diversificación de mercados”, nun contexto internacional marcado pola incerteza xeopolítica e polos cambios nas cadeas globais de subministración.
A directora do Igape subliñou tamén que a internacionalización “xa non é unha política complementaria, senón unha ferramenta estratéxica para o crecemento empresarial”, motivo polo que a Xunta está a mobilizar este ano máis de 13 millóns de euros en programas de apoio á exportación e promoción exterior. Un apoio que inclúe accións vinculadas á participación en feiras internacionais, misións comerciais, prospección de mercados, implantación exterior ou marketing internacional e dixitalización.
Neste marco, Covadonga Toca puxo o foco no traballo das antenas do Igape, creadas para acompañar ás empresas galegas na súa entrada en mercados estratéxicos e reducir as barreiras de acceso internacional. Así, destacou que estas oficinas permiten ofrecer acompañamento práctico, contactos directos e coñecemento local ás sociedades interesadas en abrir novas oportunidades de negocio no exterior.
APOIO DA ANTENA DO IGAPE EN XAPÓN
A Antena do Igape en Xapón, activa desde abril de 2024, xa impulsou accións vinculadas a feiras internacionais como Foodex Japan, Mindtech, Stonegal ou Conxemar, ademais de misións inversas e encontros con entidades como Asime, Clusaga ou representantes do sector vitivinícola galego. Segundo explicou a directora do Igape, xa se xestionaron preto de trinta solicitudes de servizo de empresas galegas interesadas no mercado nipón.
Os datos, apuntou, avalan esta evolución. En 2025, un total de 253 empresas galegas exportaron a Xapón por valor de 151,6 millóns de euros, o que supón un incremento próximo ao 25%. A automoción concentra máis do 60% das exportacións galegas ao país asiático, aínda que tamén destacan sectores como o agroalimentario, o químico, a tecnoloxía, a saúde, a industria ou as solucións dixitais. “Xapón valora especialmente aspectos nos que Galicia destaca, como a calidade, a especialización, a capacidade industrial, a fiabilidade e as relacións a longo prazo”, concluíu.

























