Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana traslada ao presidente da Deputación de Ourense o estado de execución das actuacións da Xunta que impulsarán a oferta de solo empresarial na provincia

  • A conselleira de Economía e Industria subliñou que Ourene ten en tramitación, urbanización ou execución máis de 2,7 millóns de metros cadrados en polígonos industriais, cun investimento de 126 millóns de euros
  • Lorenzana precisou que as obras para ampliar nun 40% a superficie do polígono de Xinzo de Limia xa están rematadas e só pendentes de recepción por parte do Concello
  • Tamén detallou os avances para o desenvolvemento do Polígono de San Cibrao das Viñas, coa adxudicación das obras de urbanización esta semana, e para a ampliación do parque de Pereiro de Aguiar, que xa conta coa licitación do contrato de expropiación dos terreos

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, mantiveron en San Caetano unha reunión de traballo na que tamén participou a vicepresidenta primeira do organismo provincial, Marta Nóvoa. No encontro abordaron as actuacións que está a desenvolver a Xunta en materia de solo empresarial na provincia ourensá.

Lorenzana lembrou que o Goberno galego atende a demanda de Ourense con máis solo industrial para impulsar a implantación de novas industrias ou para que as existentes poidan incrementar a súa capacidade produtiva. Nesta liña, explicou que as obras para ampliar nun 40%, ata os 414.000 metros cadrados, a superficie do polígono de Xinzo de Limia xa están rematadas e só pendentes de recepción por parte do Concello. Ademais, a Xunta continúa avanzando no desenvolvemento doutros parques, como é o caso do Polígono de San Cibrao das Viñas, do que esta mesma semana se adxudicaron as obras de urbanización; ou da ampliación do de Pereiro de Aguiar, para a que xa se licitou o contrato de expropiación dos terreos. Tamén se está a avanzar nos polígonos de Carballiño-Maside e de Paderne de Allariz.

En total, en Ourense están en tramitación, urbanización ou execución máis de 2,7 millóns de metros cadrados en polígonos industriais, cun investimento de 126 millóns de euros. A conselleira de Economía e Industria explicou que se trata de reforzar a capacidade de Galicia para competir na captación de investimentos, apoiar o crecemento das empresas que xa están implantadas e xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico na Comunidade.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia