Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana pon en valor as empresas familiares e remarca a aposta da Xunta polo crecemento e a internacionalización do tecido empresarial galego

  • A conselleira de Economía e Industria visitou en Chantada as instalacións de ViniGalicia e Vía Romana

  • Destacou a aposta da Xunta por investir nas empresas familiares e por conseguir “que o financiamento que lles ofrecemos sexa o mellor”

  • Puxo de relevo a “potente estratexia de internacionalización” do Goberno galego para apoiar ás empresas, especialmente ás pemes, e para fomentar a súa internacionalización dixital

  • María Jesús Lorenzana enxalzou a colaboración que mantén o Igape coa Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e coas Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga)

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salienta a aposta da Xunta polo crecemento e a internacionalización das empresas galegas. Así o manifestou durante unha visita ás instalacións das empresas lucenses ViniGalicia e Vía Romana, onde puxo de relevo “o valor que teñen para a economía galega as empresas familiares” coma esta, e que “apostan por seguir crecendo, polo talento e polos investimentos na Comunidade Autónoma”, dixo.

Neste sentido, subliñou que “na Xunta temos que apostar por investir nestas empresas e que o financiamento que lle ofrecemos sexa o mellor”, subliñou. Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor a “potente estratexia de internacionalización” que ten o Goberno galego que busca apoiar ás empresas, especialmente ás pemes; e fomentar a súa internacionalización dixital apoiándose en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.

COLABORACIÓN CO SECTOR VITIVINÍCOLA

Lorenzana destacou especialmente o apoio da Xunta ás empresas que forman parte do sector vitivinícola co obxectivo de que estas gañen en competitividade.

Neste marco enxalzou a colaboración que mantén o Igape coa Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e coas Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga), en materia de promoción, formación e asesoramento dos viños de Galicia para o período 2023-2025. Segundo explicou, trátase de “seguir apostando pola marca Galicia e de potenciala en todos os nosos produtos”, salientou.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia