Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA AMPLÍA E REFORZA ALIANZAS COMERCIAIS NO URUGUAI CO OBXECTIVO DE SEGUIR A POTENCIAR A INTERNACIONALIZACIÓN DO TECIDO EMPRESARIAL GALEGO

• A directora do Igape, Covadonga Toca, participa en Montevideo no Encontro Mundial de Empresarios Galegos que organiza AEGU e ao que acude empresariado galego de tres continentes

• O Uruguai configúrase como un mercado estratéxico para Galicia, polo potencial de crecemento e polas oportunidades de negocio en sectores como a construción, o naval e a alimentación

• As vendas galegas con destino a este país do Mercosur presentan unha evolución ascendente nos últimos anos, cun incremento do 47,8% no último lustro ata acadar os 30 millóns de euros •

 

A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nunha viaxe institucional a Uruguai que ten como obxectivo ampliar e mellorar as posibilidades de negocio das empresas galegas no país a través do establecemento de novas alianzas comerciais. Así, O Uruguai configúrase como un mercado cada vez máis importante para o tecido empresarial galego, tanto polo seu potencial de crecemento como polas oportunidades de negocio que ofrece en sectores como a construción, o naval ou a alimentación. Neste sentido, a viaxe institucional enmárcase na celebración do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai, que organiza a Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU), e que se desenvolverá ata o sábado, 18 de novembro, en Montevideo e en Punta del Este. Na xornada do venres está prevista a participación da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.

FORTALEZA DE AEGU, CON MÁIS DE 200 EMPRESARIOS

Cómpre salientar que AEGU suma máis de 200 empresarios, exercendo un papel fundamental de cara a facilitar a implantación de empresas galegas no país suramericano e para reforzar os vínculos comerciais. Unha relación que segue a medrar nos últimos anos, como amosa a evolución ascendente das exportacións galegas no país, que se incrementaron un 47,8% no último lustro ata acadar os 30 M€. A celebración do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai facilitará impulsar novos negocios ao contar o evento coa presenza de representantes de asociacións e delegacións de empresarios do Uruguai, Galicia, Cataluña, Estados Unidos, China, México, Paraguai, Brasil e Arxentina. Neste marco, a viaxe inclúe tamén diversas reunións con empresarios, asociacións e Administración pública do país na procura de reforzar os lazos comercias co Uruguai. Así, a directora do Igape ten programados encontros con representantes da Cámara Nacional de Comercio e Servizos do Uruguai, da Cámara Metalúrxica e Cámara de Industrias Navais, e tamén con representantes do Ministerio de Relacións Exteriores do Uruguai. A posterior celebración do Encontro permitirá afondar nas posibilidades de negocio, reforzando a alianza coas asociacións de empresarias e empresarios galegos no exterior, favorecendo tanto o incremento das exportacións galegas como a captación de investimentos cara a Galicia, xa sexa a través de empresarios e empresarias de orixe galega ou de empresariado nativo dos países onde se asentaron.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia