Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O PRESIDENTE DA XUNTA MANTIVO UN ENCONTRO COA EMBAIXADORA DA REPÚBLICA DE SURÁFRICA, CO OBXECTIVO DE FOMENTAR AS EXPORTACIÓNS E A COLABORACIÓN EMPRESARIAL

• Entre os sectores de maior potencial destaca o pesqueiro, polo protagonismo da pesca de arrastre, e en particular da captura de pescada, o que fai deste país un socio comercial de interese para Galicia

• Na xuntanza tamén se analizaron novas canles para o sector conserveiro galego en Suráfica e para o reforzamento da marca Galicia

• Alfonso Rueda e a embaixadora avaliaron ademais oportunidades comerciais nas enerxías renovables, no ciclo da auga, na industria e na agroalimentación

• Na actualidade máis de 170 empresas galegas venden os seus produtos a Suráfrica, por un importe que no 2022 se achegou aos 53 millóns de euros

• As exportacións galegas rumbo a este mercado concéntranse na automoción, agroalimentación, industria química, maquinaria, madeira e téxtil

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro coa embaixadora da República de Suráfrica en España, Sankie D. Mthembi-Mahanyele, para reforzar os lazos comerciais e a colaboración empresarial entre ambos territorios. Durante a reunión, na que tamén participaron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o embaixador de España en Suráfrica, Raimundo Robredo, abordáronse as oportunidades que ofrece o país africano para o tecido empresarial galego cara afianzar as relacións económicas entre as dúas rexións.

Un dos eidos nos que se agarda unha maior colaboración é no pesqueiro polo protagonismo da pesca de arrastre -especialmente para a captura de pescada-, que fai de Suráfrica un socio comercial de interese para Galicia. Ademais, tamén se analizaron vías para avanzar na colaboración no sector da conserva e para consolidar a marca Galicia no país a través dos produtos que comercializan empresas galegas.

OPORTUNIDADES EN RENOVABLES, CICLO DA AUGA E INDUSTRIA

Por outra banda, Rueda e a embaixadora de Suráfrica, avaliaron as oportunidades comerciais que este país ofrece ás empresas galegas no eido das enerxías renovables, a rede de subministro de auga, o sector industrial -especialmente para dotar de equipos sofisticados a empresas da automoción, a minaría ou o eido farmacéutico- ou o agroalimentario.

Máis de 170 empresas galegas venden na actualidade os seus produtos a Suráfrica. Nos últimos cinco anos -a excepción do 2020, exercicio marcado pola pandemia- as exportacións de Galicia a este país africano non deixaron de medrar, ata chegar a preto de 53 millóns de euros no 2022. Os principais sectores que exportan a Suráfrica son a automoción, a agroalimentación, a industria química, o eido da maquinaria, a madeira e o téxtil.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia