Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda enxalza o desenvolvemento e a aposta de Unifersa por seguir crecendo desde Galicia, ao investir 15 millóns no seu novo centro loxístico

 

  • O presidente da Xunta destaca o modelo empresarial desta compañía galega especializada en ferraxería profesional e subministracións industriais e pona de exemplo entre as que contribúen “á imaxe de Galicia Calidade”
  • Alfonso Rueda afirma que a Xunta traballa “para converter Galicia nun polo de atracción empresarial e de retención do talento”
  • Enumerou incentivos como a nova área de Innovación do Igape, con 60 millóns de orzamento; o programa IA 360, dotado con 10,2 millóns; ou o Igape Innova, con 4 millóns
  • As novas instalacións de Unifersa teñen 42.000 metros cadrados de superficie e están situadas no polígono industrial da Laracha (A Coruña)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o novo centro loxístico de Unifersa, situado no polígono industrial da Laracha, onde enxalzou a aposta da compañía por seguir crecendo en Galicia. As novas instalacións -con 42.000 metros cadrados de superficie- da empresa especializada na venta de ferraxería profesional e subministracións industriais contaron cun investimento de 15 millóns de euros por parte da compañía.

Rueda enxalzou o desenvolvemento de Unifersa ao longo dos últimos anos e agradeceu o seu compromiso coa economía galega e coa continuidade da súa actividade no noso territorio. Neste sentido, o presidente autonómico remarcou que “neste mundo competitivo hai que intentar ser os mellores”, apuntando que “para nós é un orgullo que queirades seguir facéndoo desde aquí”.

Durante a visita, Alfonso Rueda sinalou que compañías como Unifersa contribúen á imaxe de Galicia Calidade, xa que “facéndoo ben falan ben do conxunto”. O presidente autonómico salientou o compromiso da Xunta co fortalecemento do tecido empresarial, sinalando que os apoios van máis alá das axudas, acompañando tamén ás empresas en eidos como as tramitacións administrativas, “ás veces case tan importantes como os apoios económicos”.

RETENCIÓN DO TALENTO

A Xunta traballa para converter Galicia nun polo de atracción empresarial e de retención do talento, con diferentes axudas para fomentar a innovación, a formación e a sustentabilidade da actividade empresarial como garantía de xeración de riqueza e de emprego de calidade para a Comunidade.

Entre eses incentivos destacan a nova área de Innovación do Igape no ámbito industrial para fortalecer o tecido produtivo, con 60 millóns de orzamento e deseñada para facilitar a transferencia de coñecemento dos centros de investigación ás empresas; o programa IA 360, dotado con 10,2M€ e que fomenta a adopción da intelixencia artificial na toma de decisións empresariais; ou o programa Igape Innova, con 4 millóns de euros, que impulsa a modernización dos procesos empresariais no deseño de novos produtos e servizos.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia