Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

RUEDA ANUNCIA NO PARLAMENTO QUE A XUNTA PRORROGARÁ EN 2024 A BONIFICACIÓN DO 50% NO TRANSPORTE PÚBLICO AUTONÓMICO

Transporte público

• Matizou que a medida prodúcese “con independencia” de que o Goberno central manteña ou non o desconto estatal no vindeiro ano e recriminou que a estas alturas os usuarios descoñezan se van poder desfrutar das bonificacións estatais do transporte por estrada, urbano e interurbano

• “Con independencia de que o Goberno central axude ou non axude, a xente non pode seguir esperando”, remarcou o presidente da Xunta

• Engadiu que grazas á “estabilidade e eficacia” de ter xa aprobados os Orzamentos autonómicos, a Xunta pode “suplir as lagoas” do Goberno central e prorrogar o desconto do 50% que vén aplicando desde setembro de 2022

• Estas bonificacións téñense estendido a 23 millóns de viaxes, cunha estimación de 27 millóns a 31 de decembro, beneficiando a máis do 77% dos viaxeiros do transporte público de Galicia

• Alfonso Rueda adianta que no vindeiro Consello da Xunta será aprobado o Proxecto de lei de recursos naturais de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou no Parlamento que o Executivo autonómico prorrogará en 2024 o desconto do 50% das bonificacións dos autobuses autonómicos, “con independencia” de que o Goberno central manteña o desconto estatal no vindeiro ano. “Con independencia de que o Goberno central axude ou non axude, a xente non pode seguir esperando”, argumentou o mandatario galego sobre a necesidade desta medida que anunciou no Pleno do Parlamento galego e que defendeu por inscribirse dentro das actuacións do Executivo autonómico que “lle resolven a vida á xente”.

Rueda recriminoulle ao Executivo central que, a piques de rematar o ano, os galegos e galegas descoñezan se van poder seguir desfrutando das bonificacións do transporte por estrada, urbano e interurbano. En todo caso, salientou que grazas á “estabilidade e a eficacia” de ter uns Orzamentos autonómicos aprobados en tempo e forma para a súa entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2024, a Xunta pode “suplir as lagoas” do Goberno estatal e prorrogar este desconto do 50 % que vén aplicando desde o 1 de setembro de 2022. Estes descontos teñen beneficiado 23 millóns de viaxes, estimándose que este número roldará os 27 millóns o final de ano, beneficiando a máis do 77% dos viaxeiros do transporte público de Galicia. A bonificación aplícase tamén ao transporte da ría de Vigo, que comunica a cidade olívica cos concellos de Cangas e de Moaña; así como no ferrocarril na área de Ferrol, ao formar parte do Plan de transporte metropolitano. O desconto abrangue, ademais, os servizos urbanos de Ferrol e de Pontevedra, cidades onde o transporte público se realiza a través de concesións autonómicas.

APROBACIÓN DO PROXECTO DE LEI DE RECURSOS NATURAIS DE GALICIA

“Imos seguir traballando con orde e sentidiño para seguir sendo esta illa de estabilidade”, adiantou Rueda sobre as intencións do Goberno galego, tras a aprobación dos Orzamentos de 2024. Precisamente, puxo en valor a inmediata aprobación, no vindeiro Consello da Xunta, do Proxecto de lei de recursos naturais de Galicia.

O presidente da Xunta defendeu esta normativa para que os galegos e galegas se poidan beneficiar no seu propio territorio dos beneficios da produción das enerxías renovables, xa que o que procura a normativa é aproveitar a abundancia dos recursos naturais de Galicia para reter na Comunidade o beneficio ambiental económico e social dos proxectos que impliquen a produción de enerxía renovable e as concesións de augas e minaría.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia