Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

LORENZANA DEFINE O LABORATORIO DE CONSUMO DE GALICIA COMO “REFERENTE NACIONAL E INTERNACIONAL” PARA GARANTIR A SEGURIDADE E FIABILIDADE DOS PRODUTOS

MARÍA JESÚS LORENZANA

• A conselleira de Economía, Industria e Innovación visitou na Coruña este centro, o único laboratorio oficial público de Consumo en toda España que conta coa acreditación ENAC

• En 2023 analizou arredor de 600 mostras e detectou 91 artigos inseguros que foron comunicados á Rede de alerta nacional, entre eles 19 punteiros láser e 18 xoguetes

• A campaña de Nadal centrouse en analizar produtos como xoguetes para menores de 3 anos, xogos con proxectís e grilandas, entre outros

•  Pola súa banda, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través da Escola Galega de Consumo, está a desenvolver o programa Infonadal, no que máis de 1.400 persoas participan en preto dun cento de actividades

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou na súa visita ao Laboratorio de Consumo de Galicia -con sede na Coruña- que este departamento da Administración autonómica “é un referente a nivel nacional e internacional”, así como “un instrumento moi importante para garantir aos consumidores a seguridade e a fiabilidade dos produtos”.

O traballo do Laboratorio de Consumo de Galicia sitúa á Comunidade como líder no control de produtos de consumo. Así, durante o ano 2023 este centro, que é o único laboratorio oficial público de Consumo en toda España que conta coa acreditación ENAC, analizou arredor de 600 mostras, detectándose 91 artigos inseguros que foron comunicados á Rede de alerta nacional de produtos de consumo non alimenticios e polo tanto retirados da venda, contribuíndo así a protexer e conseguir un mercado máis seguro.

Dentro dos produtos alertados este ano por Galicia, destacan os punteiros láser, cun total de 19. Os xoguetes (con 18 alertas) seguen a estar entre os máis notificados á Rede nacional, xa que o Laboratorio pon en marcha cada ano campañas específicas centradas nestes artigos destinados aos consumidores máis vulnerables, en coordinación coa inspección de Consumo.

PROGRAMA INFONADAL

Precisamente, a campaña de Nadal centrouse en analizar produtos como xoguetes para menores de tres anos, xoguetes con proxectís e grilandas, entre outros. Complementariamente, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través da Escola Galega de Consumo, está desenvolvendo o programa Infonadal, coa participación de máis de 1.400 persoas a través de preto dun cento de actividades, co obxectivo de concienciar sobre a importancia da seguridade dos produtos. Os destinatarios tiveron a oportunidade de coñecer a normativa en materia de etiquetaxe, a importancia da inclusión das instrucións e o idioma no que deben figurar.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia