Consellería de Economía e Industria
A Xunta capta na Arxentina talento cualificado para facilitarlle ás empresas galegas a cobertura de vacantes en sectores estratéxicos, mediante apoios para o retorno

- Na súa visita á feira de emprego organizada pola Xunta en Bos Aires, Alfonso Rueda salientou as oportunidades laborais que ofrece o tecido empresarial da Comunidade para os galegos retornados
- No escaparate de emprego da capital arxentina, que terá continuidade o vindeiro luns en Montevideo, conflúe a oferta laboral de clústeres e de empresas galegas dos sectores agroalimentario, TIC, loxística, renovables ou metal mecánico, entre outros
- O presidente da Xunta resaltou a posta en marcha da segunda edición do Programa Retorna Cualifica Emprego, que este ano mobiliza 2,3 millóns de euros e lanza 200 empregos con contrato indefinido e con apoios complementarios para o retorno
Durante a súa visita á feira de emprego organizada pola Xunta en Bos Aires, O presidente Alfonso Rueda destacou as oportunidades laborais que ofrece o tecido empresarial de Galicia e lembrou o apoio do Executivo autonómico aos galegos e galegas do exterior que aposten por volver a súa terra para desenvolver o seu proxecto vital e laboral. Acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, Rueda salientou que se trata dunha cita pioneira coa que o Goberno autonómico busca atraer talento cualificado do exterior e facilitar que as empresas galegas atopen traballadores para facer fronte aos problemas para cubrir vacantes en sectores estratéxicos, ao tempo que aumenta a poboación activa e se dinamiza o territorio.
A feira, que continou o venres na capital arxentina e que contará cunha segunda edición o vindeiro luns en Montevideo, busca ser un escaparate das oportunidades laborais e empresariais que ofrece a Comunidade e poñer en contacto a clústeres e empresas de Galicia pertencentes a sectores como o agroalimentario, as TIC, a loxística, as enerxías renovables ou o metal mecánico con galegos interesados en retornar a súa terra.
Nesta liña, Alfonso Rueda lembrou que ademais destas feiras, a Xunta conta con diferentes iniciativas postas en marcha destinadas aos galegos na diáspora para facer fronte aos desafíos do mercado laboral actual coma a cobertura de vacantes ou a remuda xeracional.

OFERTA DE 200 EMPREGOS CON CONTRATO LABORAL INDEFINIDO
Un deses estímulos é o Programa Retorna Cualifica Emprego, dotado con 2,3 millóns de euros para este ano, co que se busca facilitar o regreso de galegos no exterior da man de empresas galegas cun contrato laboral indefinido. A previsión desta segunda edición é ofrecer 200 empregos con contrato laboral indefinido e con apoios complementarios para o retorno.
O Programa Retorna Cualifica Emprego enmárcase dentro da Estratexia Galicia Retorna que conta cun cento de medidas para facilitar o regreso de 30.000 galegos do exterior ata 2026. Unha Estratexia que, tal e como explicou o presidente da Xunta, sitúa á Comunidade como pioneira en políticas de retorno e serve de recoñecemento aos emigrantes galegos que nunca esqueceron os lazos coa súa terra.
A Estratexia conta con diferentes apoios, desde axudas para os gastos iniciais de volver a Galicia ata bolsas para completar a formación académica -mestrado ou ciclo de FP-, achegas para os que aposten por emprender ao establecerse na Comunidade ou un servizo de asesoramento e información personalizado a través das Oficinas do Retorno.
Tal e como subliñou Rueda, con iniciativas como as feiras de emprego de Bos Aires e Montevideo, búscase trasladarlles aos galegos en Arxentina e Uruguai que Galicia, “que foi a terra da que os seus antepasados saíron, agora pode ser a súa terra de acollida”.
“O que queremos -segundo destacou- é ofrecerlles as posibilidades, dicirlles que Galicia lles abre os brazos”. Neste sentido, sinalou que “fomos terra de emigración, os galegos hai moitos anos foron acollidos aquí, puideron empezar unha nova vida e con iso axudaron a construír a Galicia próspera que temos agora”. E nestes momentos, remarcou o presidente da Xunta, “esa Galicia que medrou e que necesita seguir medrando dilles que teñen unha oportunidade”.

























