Consellería de Economía e Industria
Lorenzana afirma que o Goberno central “chega tarde” para aprobar a nova planificación da rede de transporte eléctrico 2025-2030 e advierte que perigan miles de empregos
- Nunha xornada do Inega sobre repotenciación eólica, a conselleira de Economía e Industria matizou que si O Goberno implanta redes de transporte e distribución axeitadas aumentaría a produción eólica ata un 124%, o equivalente a 70 parques
- Con esas infraestruturas de rede, reduciríase ata un 76% o número de aeroxeradores na paisaxe galega, e sen ampliar a ocupación de terreos
- María Jesús Lorenzana resalta que en Galicia hai dez proxectos industriais pendentes só de que se reforce a rede de transporte eléctrico e lembra que “son 1.200 MW que non están atendidos na planificación actual nin na súa modificación”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou que o Goberno central “chega tarde” para aprobar a nova planificación da rede de transporte eléctrico 2025-2030, cuxo borrador debería estar publicado hai oito meses, dixo, e que resulta crucial “porque se poden perder miles de postos de traballo”. Na súa intervención na xornada `A dimensión enerxética do desenvolvemento industrial en Galicia: o reforzo da rede e a repotenciación eólica´, organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), insistiu na importancia que ten o reforzo da rede eléctrica tanto para evacuar a enerxía procedente de fontes renovables como para que os novos proxectos industriais, moitos deles intensivos en consumo de electricidade, teñan posibilidade de instalarse na Comunidade.
Neste momento hai en Galicia dez proxectos industriais en distintas fases de tramitación, algúns xa autorizados, pendentes exclusivamente de que se reforce a rede de transporte eléctrico e detrás dos cales “hai miles de postos de traballo”, subliñou a titular de Economía e Industria. “Son 1.200 MW que non están atendidos na planificación actual nin na súa modificación”, remarcou.
Segundo dixo, se o Goberno implanta as redes de transporte e distribución axeitadas ao potencial eólico galego, tal e como demanda o Executivo autonómico, poderíase aumentar a produción eólica actual ata un 124%, o equivalente a 70 parques eólicos, reducindo o número de aeroxeradores ata un 76% e mantendo a mesma ocupación de terreos actual.
PRAZOS PARA AS REPOTENCIACIÓNS DE PARQUES EÓLICOS
María Jesús Lorenzana concretou que, neste momento, a Xunta xa está traballando cunha primeira vintena de parques eólicos con máis de 25 anos de antigüidade que van ter que iniciar os trámites para a súa repotenciación nos vindeiros meses. Once deles teñen de prazo para presentar a súa solicitude de aquí a xuño do ano que vén e os oito restantes, que cumpriron os 25 anos en 2025, contan con 18 meses para facelo. Neste sentido, puxo en valor que, “unha meirande parte das compañías entenden que isto é necesario” e mesmo xa o están a facer de xeito voluntario.