Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA AVALÍA CO SECTOR EMPRESARIAL GALEGO NOVAS OPORTUNIDADES E VÍAS DE NEGOCIO NA REPÚBLICA DOMINICANA EN SECTORES COMO A CONSTRUCIÓN, INDUSTRIA AGROALIMENTARIA E ENERXÍA

— A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro co embaixador e co conselleiro de Comercio, Investimento e Turismo na sede da Confederación de Empresarios da Coruña

— Máis de 250 empresas galegas exportan na actualidade á República Dominicana, cun volume de negocio anual que ronda os 50 millóns de euros

— “República Dominicana é un mercado no que as exportacións de Galicia seguiron unha liña notablemente ascendente, incrementándose nun 53% durante o último lustro”, enxalzou a directora do Igape

— Covadonga Toca fai fincapé na colaboración público-privada para o crecemento do sector exterior a través de accións como as misións comerciais impulsadas polo Igape no país en 2022 e 2023, con 11 empresas galegas participantes

— Destacou a aposta da Xunta pola internacionalización, mediante iniciativas como as antenas do Igape ou os programas Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios

A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro co embaixador da República Dominicana, Juan Bolívar Díaz Santana, e co conselleiro responsable de Comercio, Investimento e Turismo do país, José Manuel Vargas D’Oleo, cos que participou, tamén, na xornada `República Dominicana: Un mercado de oportunidade´, que tivo lugar na sede da Confederación de Empresarios da Coruña. Ambos encontros permitiron avaliar as novas oportunidades e vías de negocio que ofrece o país caribeño ao tecido empresarial galego.

“República Dominicana é un mercado no que as exportacións de Galicia seguiron unha liña notablemente ascendente, incrementándose nun 53% durante o último lustro”, subliñou Toca Carús, quen destacou que, hoxe en día, máis de 250 empresas galegas de diferentes sectores exportan ao país, sumando durante o último ano máis de 49 millóns en vendas ao exterior. Esta cifra, afondou, supón un incremento do 8,2% con respecto ao exercicio precedente, e contribúe ao aumento do saldo da balanza comercial galega, que se situaba en 48,5 millóns de euros no 2022, un 52,8% máis que en 2017.

 

SECTORES CON POTENCIAL Neste contexto, a directora do Igape sinalou as oportunidades que, para seguir medrando, ofrecen sectores como a construción, a industria agroalimentaria, os bens de consumo, a enerxía ou as renovables. “Desde a Xunta facilitamos e poñemos ao dispor das empresas as ferramentas e apoios necesarios para favorecer a súa saída aos mercados internacionais e para a implantación de novos proxectos”, incidiu.

Un marco no que Toca Carús realzou a aposta do Goberno galego pola internacionalización, que está a contribuír a que Galicia acade cifras históricas nas vendas ao exterior. Este compromiso, como explicou, materialízase en accións como as antenas do Igape -que permiten acompañar ás empresas nos seus procesos de internacionalización- ou os programas Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios -para apoiar accións de promoción no exterior e que teñen aberta nestes momentos unha nova convocatoria-. Nesta liña, a directora do Igape avogou por manter e potenciar a colaboración público-privada para seguir medrando a través de actuacións como as misións comerciais impulsadas polo Igape na República Dominicana nas que, nos anos 2022 e 2023, participaron 11 empresas galegas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia