Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA PORÁ EN MARCHA UN PLAN AUTONÓMICO DE IMPULSO E ACELERACIÓN DE PROXECTOS INDUSTRIAIS, DENTRO DA NOVA ESTRATEXIA DE POLÍTICA INDUSTRIAL DE GALICIA

- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reclamou no Parlamento o apoio da oposición para lograr financiamento do Goberno para os grandes proxectos tractores, principiando polo de Altri

- O plan de impulso e aceleración inclúe a elaboración dun mapa industrial da Comunidade e plans directores para os diferentes sectores

- Remarcou como obxectivo “facer de Galicia un polo de emprendemento -na industria- capaz de atraer investimentos e garantindo as máximas facilidades na tramitación”

- A conselleira matizou que a figura dos Proxectos Industriais Estratéxicos amplíase a iniciativas a partir de 2 millóns de euros e de 25 empregos de nova creación

- María Jesús Lorenzana destacou que en Galicia hai na actualidade 32 iniciativas industriais relevantes que van demandar 8 TWh adicionais de electricidade ao ano

- Sinalou tamén a existencia de investimentos potenciais por valor de 6.328 millóns de euros, capaces de xerar máis de 7.000 empregos directos

- Como instrumentos clave da nova Estratexia citou o fondo de capital público-privado que se vai crear para atraer o investimento de entidades privadas e financiamento dos Next Generation, así como a utility pioneira en España para o lanzamento de proxectos relacionados cos recursos naturais da Comunidade

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, compareceu a petición propia no Parlamento de Galicia para explicar as liñas estratéxicas do seu departamento no que resta de lexislatura, entre as que avanzou a posta en marcha dun Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais.

Segundo explicou, este plan forma parte da nova Estratexia de Política Industrial de Galicia que contempla, ademais, a elaboración dun mapa industrial da Comunidade e de plans directores para os diferentes sectores. O obxectivo, dixo, é facer de Galicia un polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación.

Na súa comparecencia, reclamou o apoio da oposición para conseguir financiamento do Goberno central para os grandes proxectos tractores do sector industrial galego, principiando polo de Altri.

Lorenzana defendeu unha política industrial atractiva, segura e competitiva, vinculada co fomento da enerxía renovable. Ao respecto, subliñou que, en virtude do plan de impulso e aceleración, estenderase a figura dos Proxectos Industriais Estratéxicos a iniciativas de menor tamaño, concretamente a partir de 2 millóns de euros e 25 empregos, e darase publicidade ao estado de tramitación.

SINERXÍAS ENTRE RAMAS INDUSTRIAIS

No marco desta nova estratexia de política industrial, adiantou que o mapa que se vai facer incluirá a información sobre a implantación actual dos distintos sectores en Galicia, co fin de fomentar as sinerxías entre as distintas actividades industriais. Ademais, contemplará información xeral sobre as infraestruturas esenciais e necesarias para a implantación dos proxectos.

En relación aos plans directores por sectores, a conselleira explicou que teñen como fin potenciar a actividade industrial e o emprego no sector concreto que corresponda. Definiranse os obxectivos que se pretenden conseguir dentro dun ámbito temporal e determinaranse os mecanismos e os medios para a súa consecución. Neste contexto, no relativo ás medidas de financiamento para dotar de liquidez ás empresas, anunciou unha nova liña de subsidiación de xuros para incentivar os procesos de reestruturación das débedas financeiras ao que se poderán acoller as empresas da cadea mar-industria.

RECURSOS NATURAIS

Logo de avanzar, tamén, que se vai elaborar un Plan para a mellora da seguridade industrial en Galicia, que recolle a creación do Consello Galego de Seguridade Industrial, a conselleira referiuse, por outra banda, á Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se prevé que entre na Cámara este mesmo ano. Lorenzana indicou que, ao tempo que se protexe o medio ambiente, búscase un retorno social e económico dos proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables, daqueles que requiren da concesión de augas para os usos que a lei determina e de dereitos, concesións mineiras e proxectos de explotación mineiros.

Nesta liña, tamén mencionou que a Lei de Medidas Fiscais e Administrativas demostra o pulo que a Xunta lle quere dar ao despregamento da enerxía eólica. De acordo ao establecido, declárase de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro de 2022, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables.

Segundo dixo, o desenvolvemento industrial futuro de Galicia require garantir a subministración de enerxía a un prezo competitivo a partir de tecnoloxías medioambientalmente sustentables. Existen 32 iniciativas industriais relevantes en Galicia que van demandar 8 TWh adicionais de electricidade ao ano. Tamén investimentos potenciais na Comunidade por valor de 6.328 millóns de euros que xerarían emprego directo para máis de 7.000 profesionais, que dependen de asegurar a subministración eléctrica a medio prazo. A este investimento habería que engadir unha contía adicional moi relevante para o desenvolvemento da potencia eólica necesaria para fornecer electricidade a esas instalacións.

FONDO PÚBLICO-PRIVADO E UTILITY

Neste contexto, como instrumentos que van ser clave no desenvolvemento desta nova estratexia de política industrial, a conselleira mencionou, por un lado, o fondo de capital público-privado que se vai crear para atraer cara a Galicia o investimento de entidades privadas e financiamento dos Next Generation. Será dixo, un vehículo que permita investir nos proxectos en marcha e, así mesmo, actuar como promotores doutros novos proxectos.

Para isto, a Xunta achegará un investimento de arredor dun 10 por cento, co límite máximo de 30 millóns de euros, para acompañar aos investidores. O volume mínimo para realizar o investimento será a captación de 300 millóns de euros e cun obxectivo máximo de 800 millóns de euros. Os investimentos realizaranse maioritariamente no territorio, podendo existir certas excepcións, pero garantindo que polo menos a contía da achega pública se invista en Galicia.

Por outra banda, tamén se referiu á utility ou sociedade mercantil pioneira en España, que investirá en entidades instrumentais que desenvolvan proxectos relacionados cos recursos naturais de Galicia, fomentando a venda de enerxías renovables a prezos competitivos a consumidores galegos e a implicación de actores locais para xerar beneficios socioeconómicos no territorio.

Como conclusión, salientou a importancia que vai ter a innovación e medidas como a convocatoria de axudas para o fortalecemento e ampliación das capacidades dos Centros Tecnolóxicos Galegos (Feder-Infraestruturas), pioneira en España. Con respecto á Dirección Xeral de Comercio e Consumo, avanzou, entre outras medidas, que a marca Galicia Calidade se abrirá a novos sectores como o téxtil, o tecnolóxico ou a minaría.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia