Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA PON AO GRUPO RAMÓN GARCÍA COMO EXEMPLO DA PUXANZA INTERNACIONAL E DA FORTALEZA DO SECTOR CONTRACT GALEGO

Grupo Ramón García

• A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou as instalacións da compañía en Ordes e enxalzou que o contract galego esté presente en máis de 100 países acompañando a empresas galegas que teñen impulsado diferentes proxectos construtivos

• Detallou que o Grupo Ramón García confirma a forte internacionalización do sector, ao operar en 70 países e contar desde hai unha década cunha instalación produtiva en México

• “As compañías galegas que traballan na canle contract teñen adquirido experiencia e habilidades, ofrecendo os seus servizos a todo o mundo, e convertendo Galicia nun referente internacional”, destacou a directora do Igape

A directora do Igape, Covadonga Toca, puxo ao grupo de empresas Ramón García como exemplo da capacidade de internacionalización e liderado do sector contract galego, tras coñecer as súas instalacións. Esta industria, apuntou Toca, está presente hoxe en día en máis dun centenar de países nos que as empresas galegas teñen impulsado distintos proxectos construtivos.

“As compañías galegas que traballan na canle contract, como é o caso do Grupo Ramón García, teñen adquirido experiencia e habilidades, ofrecendo os seus servizos a todo o mundo, e convertendo Galicia nun referente internacional”, afondou a directora. Neste sentido, lembrou Toca Carús, o propio Grupo Ramón García é un exemplo desa aposta pola internacionalización, contando cunha instalación produtiva en México desde 2014, e estando presente en 70 países nos que ofrece “respostas á medida” aos seus clientes.

PLAN DE MISIÓNS COMERCIAIS

Para acadar estas cifras, o Grupo conta tamén coa colaboración do Goberno galego, a través de programas como o Plan de Misións Comerciais, que facilita o impulso de accións de internacionalización do tecido produtivo galego.

A través desta liña, explicou a directora do Igape, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, en colaboración coas cámaras de comercio, promove misións comerciais na procura de aumentar a base de empresas exportadoras, fomentar e consolidar a presenza de compañías galegas nos mercados internacionais, e conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia