Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA ACTIVA UNHA CONVOCATORIA DE AXUDAS DESTINADA A IMPULSAR PROXECTOS INTEGRAIS DE GASES RENOVABLES, E DOTADA DUN ORZAMENTO DE 7,5 MILLÓNS DE EUROS

Renovables en Galicia

• Por primeira vez, Galicia conta con apoios específicos para iniciativas que teñen como finalidade a produción de hidróxeno de orixe renovable e de biogás e biometano

• O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 21 de febreiro, nunha convocatoria que aspira a mobilizar ao redor de 15 millóns de euros

• As axudas, de concorrencia competitiva, están dirixidas a empresas e autónomos, cunha cuantía máxima por proxecto de 2,5 millóns de euros no caso do hidróxeno renovable e de 2 millóns para biogás e biometano

• Como requisito común, as iniciativas presentadas deberán destinar unha parte do gas renovable ao autoconsumo enerxético

• Esta nova liña de axudas enmárcase na Axenda Enerxética de Galicia e contribuirá a seguir avanzando na transición enerxética e na loita contra o cambio climático grazas á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Industria e Innovación, vén de activar unha convocatoria de axudas destinada a impulsar proxectos integrais de gases renovables. Trátase da primeira vez que Galicia conta cunha convocatoria específica para esta tipoloxía de iniciativas enerxéticas que amosan un gran potencial, aínda sen desenvolver, e un importante carácter innovador.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, terá aberto o prazo de solicitudes ata o 21 de febreiro e conta cun orzamento de 7,5 M€ co obxectivo de mobilizar ao redor de 15 M€. As axudas están dirixidas a empresas e autónomos que queiran realizar proxectos consistentes na produción de hidróxeno de orixe renovable ou de biogás e biometano para o seu aproveitamento en centros de demanda situados en Galicia, co que se pretende favorecer o uso racional de enerxías renovables.

En concreto apoiaranse, no eido do hidróxeno renovable, todo o relacionado co electrolizador, o compresor, sistemas de almacenamento, conducións, depósitos, sistemas auxiliares e de control, adecuación ou compra de equipos consumidores a hidróxeno, pilas de combustible -sempre que a electricidade xerada se destine a autoconsumo-, sistemas de inxección do hidróxeno renovable á rede de gas -se existe un contrato de venda a un consumidor localizado en Galicia-, montaxe e posta en marcha dos sistemas, obra civil asociada, proxectos técnicos e legalización.

BIOGÁS E BIOMETANO

En canto ao biogás e biometano, as axudas inclúen sistemas para a obtención de biogás mediante dixestión anaerobia; sistemas de almacenamento e tratamento do biogás para a obtención de biometano; sistemas de pretratamento dos residuos; sistemas de compresión para o seu transporte e almacenamento; sistemas de abastecemento; instalacións de valorización para a produción eléctrica ou térmica; sistemas de inxección á rede de gas -se existe contrato de venda cun consumidor localizado en Galicia-; equipos que empreguen biogás e biometano como combustible; sistemas auxiliares e de control; obra civil asociada; instalación e posta en marcha; proxecto técnico e de legalización.

A axuda máxima por proxecto será de 2,5 M€ no caso de proxectos de hidróxeno renovable e de 2 M€ para os de biogás e biometano, con intensidades de axudas entre o 45 e o 65%, dependendo do tamaño da empresa. Os proxectos deberán destinar unha parte do gas renovable ao autoconsumo enerxético.

Estas axudas enmárcanse nos obxectivos da Axenda Enerxética de Galicia, que contempla o desenvolvemento de proxectos de gases de orixe renovable e permitirá complementar as axudas que existen a nivel estatal -que só se dirixen a proxectos de maior tamaño-. A convocatoria contribúe a seguir avanzando na transición enerxética grazas a unha maior participación das fontes de enerxías renovables no sistema, así como a loitar contra o cambio climático coa redución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia