Consellería de Economía e Industria
Lorenzana anuncia que os promotores eólicos terán que subministrar un mínimo do 50% da enerxía xerada ás empresas galegas “a un prezo estable e competitivo”
-
A conselleira de Economía e Industria avanzou no Parlamento que esa medida vai garantir que a metade da enerxía xerada permaneza en Galicia e que quede fóra das flutuacións do prezo do gas
-
Ademais salientou o papel que vai desempeñar RDG Comercializadora Galega de Enerxía á hora de democratizar a figura dos contratos de compravenda de enerxía a longo prazo para as pemes e de ofertar electricidade máis barata aos veciños próximos aos parques nos que participe a sociedade Recursos de Galicia (RDG)
-
María Jesús Lorenzana tamén anunciou a aprobación dun novo Plan sectorial eólico de Galicia, logo de 20 anos de vixencia, e abordou a repotenciación dos parques que contan con aeroxeradores máis antigos, de xeito que en oito anos se reduza nun 80% o número de muíños na Comunidade
-
Engadiu que a a Xunta vai reformular o canon eólico e que esa actualización terá en conta tanto o número de aeroxeradores como a altura de cada un deles
-
Nesa mesma comparecencia no Pleno do Parlamento a conselleira enxalzou a previsión de convocar a finais de ano 60 dereitos mineiros (permisos de investigación) entre as catro provincias galegas, priorizando as materias primas críticas e os minerais estratéxicos
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que os promotores eólicos en Galicia deberán subministrar, polo menos, o 50% da enerxía producida ás empresas galegas a un prezo estable e competitivo. Esta medida garantirá, dixo, que ese 50% da enerxía xerada permaneza en Galicia e que quede fóra das flutuacións do prezo do gas.
Así o adiantou na súa comparecencia no Pleno do Parlamento para informar das liñas estratéxicas do seu departamento en materia enerxética e industrial, onde puxo de manifesto o papel que vai desempeñar RDG Comercializadora Galega de Enerxía á hora de democratizar a figura dos PPA (contratos de compravenda de enerxía a longo prazo) para as pemes galegas, e de ofertar electricidade máis barata aos veciños próximos aos parques nos que a sociedade Recursos de Galicia (RDG) participe.
Xunto con esta medida citou, tamén, a actualización do Plan sectorial eólico de Galicia, logo de vinte anos de vixencia e tras acadar os 6.500 MW fixados entre parques en funcionamento e autorizados. Un plan que, xunto con outros instrumentos de apoio ao mapa industrial de Galicia, abrangue un montante total de 1,2M€ nos orzamentos do próximo exercicio.
REDUCIÓN DE 3.000 A 600 AEROXERADORES
Outra das actuacións que destacou é a repotenciación dos parques que teñen aeroxeradores máis antigos (uns 100 parques que contan cuns 3.000 aeroxeradores que cumprirán 25 anos nos próximos cinco anos). Segundo precisou, veranse obrigados a repotenciarse nos vindeiros cinco anos tras un prazo de moratoria de 18 meses. En oito anos, remarcou, na paisaxe galega eses 3.000 aeroxeradores reduciranse a uns 600 muíños; é dicir, un 80% menos. Xunto con isto, e de xeito coherente coas repotenciacións, avanzou que a Xunta vai reformular o canon eólico, que se actualizará tendo en conta non só o número de aeroxeradores senón tamén a altura de cada un.
Son medidas, dixo, para reducir o impacto ambiental das instalacións, aliñadas cos principios da Lei de recursos naturais de Galicia e cos obxectivos da Unión Europea de descarbonización, competitividade, seguridade do abastecemento e sustentabilidade. “Compartimos obxectivos coa política europea, como son garantir o funcionamento do mercado da enerxía e un abastecemento enerxético seguro na Unión; promover a eficiencia e o aforro enerxéticos; desenvolver as enerxías renovables; interconectar as redes enerxéticas; e fomentar a autosubministración dos minerais críticos”, dixo.
Neste sentido, concretou que outra das liñas estratéxicas do seu departamento para a lexislatura será, tal e como recolle a Lei de recursos naturais, a convocatoria dos concursos dos dereitos mineiros caducados, sabendo que Galicia representa o 8,2% da produción mineira de España cun valor superior aos 282M€. Ao respecto, avanzou que a Xunta prevé poder convocar a finais deste mesmo ano 60 dereitos mineiros entre as catro provincias (permisos de investigación), dando prioridade ás materias primas críticas e ós minerais estratéxicos.
Segundo explicou, xa se realizaron as análises previas, elaborouse unha listaxe de todos os dereitos mineiros caducados (permisos de exploración, permisos de investigación, concesións directas de explotación, concesións de explotación), e fíxose unha análise preliminar sobre os dereitos que é preciso incluír na convocatoria do concurso, tendo en conta aspectos como o tipo de dereito mineiro, o recurso, a existencia dunha solicitude previa de convocatoria de concurso, etc.
CRÉDITOS DE CARBONO NO SECTOR FORESTAL
No que respecta ao sector forestal, enxalzou a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono, regulado pola Lei de recursos naturais de Galicia, para que empresas e cidadanía poidan ver compensadas as súas emisións de CO2 e contribuír, deste xeito, á neutralidade climática ao financiar proxectos sostibles que persigan estes obxectivos, así como fomentar a utilización da madeira a través destas compensacións.
Lorenzana defendeu unha política industrial baseada, fundamentalmente, en traballar cos sectores industriais para reforzar as debilidades dos distintos tipos de industria e ampliar as súas cadeas de valor; fortalecer o autoprovisionamento coas materias primas autóctonas e o peche dos ciclos produtivos en Galicia; acelerar as tramitacións administrativas dos proxectos estratéxicos para a comunidade, a través da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape; e poñer á disposición de xeito rápido solo empresarial para o asentamento da industria en Galicia.
Nesta liña, volveu lembrar outras medidas recollidas nos orzamentos vinculadas ao ordenamento do solo industrial, como son as novas figuras Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (ZAPES) ou as Zonas industriais rurais (ZIR) para concellos de menos de 20.000 habitantes. E, igualmente, mencionou a creación do Polo de innovación de enerxías renovables mariñas e almacenamento enerxético en Galicia, co seu epicentro no CIS Ferrol.