Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

LORENZANA TRASLADA Á DIRECCIÓN DE STRATEGIC MINERALS O COMPROMISO DA XUNTA COS TRABALLADORES DA MINA DE PENOUTA E CO SECTOR MINEIRO GALEGO

 

. A conselleira de Economía, Industria e Innovación lembrou que a Axenda de Impulso da Minería Sustentable de Galicia defende o desenvolvemento sustentable do sector, sempre que compatibilice as actividades xeradoras de riqueza e emprego co respecto aos recursos naturais

. Expuxo iniciativas como a futura Lei de recursos naturais, a nova oficina de captación de fondos europeos para a investigación, innovación e modernización da minería galega e a Consulta Preliminar ao Mercado do proxecto StmartminTech

Nunha xuntanza coa directiva da empresa mineira canadense Strategic Minerals, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, trasladou o compromiso da Xunta cos traballadores da mina de Penouta, en Viana do Bolo, e cun sector mineiro que achega o 1,2 % do PIB galego.

Lorenzana expuxo os pasos que desde o Goberno galego se están dando para impulsar a minería, un sector que pode converterse nun aliado estratéxico para modernizar as principais cadeas de valor da industria galega grazas ao uso de materias primas autóctonas e fundamentais na transición ecolóxica e dixital actual. Así, referiuse á futura Lei de recursos naturais, á nova oficina de captación de fondos europeos para a investigación, innovación e modernización do sector mineiro, e á Consulta Preliminar ao Mercado do proxecto StmartminTech, que busca a transformación integral da minería a través de novas solucións innovadoras.

MINERÍA SUSTENTABLE

A conselleira incidiu en que a Xunta está defendendo, a través da Axenda de Impulso da Minería Sustentable de Galicia, o desenvolvemento do sector sempre e cando se realice de xeito sustentable compatibilizando as actividades que poidan xerar riqueza e emprego co respecto aos recursos naturais. E, ao fío, insistiu na importancia de defender o emprego que xera o sector mineiro en Galicia.

Pola súa banda, a empresa presentou os proxectos que prevé desenvolver na Comunidade dentro dun marco de respecto e cumprimento das regulacións e accións de responsabilidade social empresarial.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia