Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA DISPORÁ O PRÓXIMO ANO DUN ORZAMENTO SUPERIOR AOS 435 MILLÓNS DE EUROS PARA IMPULSAR O DESPEGUE INDUSTRIAL E ENERXÉTICO

- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, compareceu no Parlamento de Galicia para explicar as contas do seu departamento para 2024

- O orzamento sube por riba do 5%, co obxectivo de converter a Galicia en referente na Península na captación de investimentos e de proxectos empresariais

- Entre as iniciativas máis relevantes salientou a futura Oficina Económica de Galicia, órgano de asesoramento técnico e administrativo que estará adscrito ao Igape e que contará con máis de 5,7 millóns de euros

- María Jesús Lorenzana tamén avanzou que se activarán 97,5 millóns de euros en instrumentos financeiros e que se abrirán catro novas liñas de apoio ás empresas, con preto de 33 millóns para a atracción de iniciativas, apoio a startups, sustentabilidade e internacionalización

- O plan de aceleración de proxectos industriais rebaixará as condicións para seren declarados estratéxicos: a partir de 2 millóns de euros de investimento e 25 empregos

- Na súa exposición no Parlamento, a conselleira sinalou como prioridades axilizar a burocracia administrativa, ofrecer financiamento e facilidades de acceso ao solo industrial, así como reforzar a I+D+i

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, detallou na súa comparecencia no Parlamento de Galicia que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano en materia económica soben por riba do 5%, ata acadar os 435 M€, para impulsar o despegue industrial e enerxético de Galicia.

Lorenzana explicou que as contas do seu departamento para 2024 teñen como obxectivo contribuír a que Galicia se converta nun referente na Península en captación de investimentos e proxectos empresariais. Para iso, engadiu, as prioridades van estar en eliminar a burocracia administrativa, en ofrecer financiamento e facilidades de acceso ao solo industrial, e en reforzar a I+D+i.

A titular de Economía remarcou como unha das medidas máis relevantes a creación da Oficina Económica de Galicia, un órgano de asesoramento técnico e administrativo adscrito ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que funcionará como única canle de interlocución coa empresa e que estará dotado con máis de 5,7 M€.

O obxectivo, dixo, é a celeridade na tramitación administrativa. E iso, por un lado, implica que o Igape vai dar un salto tecnolóxico para a dixitalización e automatización de procedementos. Xunto con isto, desde aí, a Xunta activará 95,7 M€ en instrumentos financeiros e catro novas liñas de apoio a empresas. A primeira, de 30 M€ para a atracción e implementación de iniciativas; a segunda, de 1,3M€ para fomentar a sustentabilidade e a competitividade; unha terceira liña específica de apoio a startups, dotada con 1,5 M€; e, finalmente, a liña de impulso á internacionalización.

NOVA ESTRATEXIA INDUSTRIAL

Neste contexto, adiantou que se vai acometer un plan de aceleración de proxectos industriais, de tal xeito que se rebaixan as condicións para seren declarados estratéxicos -a partir de 2 millóns de euros de investimento e 25 empregos-, se lle garante un prazo de tramitación dun ano e, por outra banda, prestarase atención especializada aos de menor tamaño que superen os 800.000 euros. Todo, no marco do que vai ser unha nova estratexia de política industrial, coa que a Xunta fará, ademais, unha prospección dos diferentes sectores en Galicia, tradicionais e emerxentes, para coñecer perspectivas e necesidades que se plasmarán nos respectivos plans directores.

Lorenzana tamén salientou como unha medida a destacar o desenvolvemento dun Plan para a mellora da seguridade industrial en Galicia, ao que se destinarán 400.000 euros e que dará lugar á creación do Consello Galego da Seguridade Industrial.

HUB DE HIDRÓXENO VERDE

En materia de enerxía, María Jesús Lorenzana explicou que Galicia quere configurar un hub de hidróxeno verde e que se van activar axudas para proxectos, tamén de biogás, ás que se destinarán 7,5M€ que, para 2024, serán 2,6 M€. Neste contexto, destacou que o orzamento do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) se incrementa ata os 77 M€, dos cales 16,5 M€ serán para axudas relacionadas co autoconsumo, almacenamento, renovables térmicas e mobilidade eléctrica para familias, empresas, entidades sen ánimo de lucro e sector público. Do mesmo xeito, tamén avanzou que se convocarán os apoios do Fondo de Transición Xusta por 17 M€ para proxectos na provincia da Coruña de implantación de fábricas de compoñentes de renovables, de valorización de residuos orgánicos, e de sustentabilidade industrial.

MESA DE EMPRESA-INNOVACIÓN

Con respecto ao orzamento da Axencia Galega de Innovación (Gain), a conselleira anunciou que se vai crear a Mesa de Empresa-Innovación entre o sector público, empresarial e os axentes sociais para formular e debater plans, instrumentos e medidas de impulso á I+D+i no tecido empresarial. Ademais de proseguir cos programas que se levan desenvolvido ata o de agora, como novidades apuntou que durante os primeiros meses de 2024 se abrirá a convocatoria do programa de misións, que contará cun orzamento de 3 M€ dun montante de 15 M€ en total, para promover proxectos de I+D+i entre consorcios participados por centros de investigación, grandes empresas, pemes e centros tecnolóxicos.

Tamén se convocarán as axudas de fortalecemento e ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos, ás que se destinarán 4,5 M€ en 2024, dun importe total de 10 M€. Por outra parte, o obxectivo é mobilizar en torno a 14 M€ en compra privada de innovación. Ademais, no tocante ao ámbito da computación, destinaranse 8 M€ -dun total de 47 M€ que se esperan recibir do MRR- á adquisición do QMIO II, un segundo computador cuántico para o Cesga, e do Finisterrae IV.

COMERCIO E CONSUMO

Finalmente, entre as liñas estratéxicas da Dirección Xeral de Comercio nos orzamentos, destacan o novo proxecto de I+D+i, con 4,4 M€, para fomentar a innovación e dixitalización do sector comercial e artesanal; un plan de axudas á dinamización do sector, cun orzamento de 8,7 M€ destinados ao tecido asociativo e comercial; e farase fincapé en actividades de formación e na dixitalización do Instituto Galego de Consumo e da Competencia para reducir un 20% os tempos de tramitación.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia