Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana considera “un fraude aos galegos” o decreto que acaba de aprobar o Consello de Ministros para regular as repotenciacións de parques eólicos en España

  • Define como “irresponsabilidade absoluta” que o Goberno aprobe esta norma cando hai poucas semanas presentou un recurso de inconstitucionalidade “contra Galicia” polo mesmo que agora regula para o conxunto do país
  • “Agora demóstrase que, efectivamente, era un recurso de inconstitucionalidade do señor Sánchez contra Galicia” porque “o que regula a Xunta é inconstitucional, mentres que o Consello de Ministros pode regulalo para toda España”, abonda Lorenzana
  • A conselleira de Economía e Industria critica a “dobre moral” do Goberno e afirma que “é unha mostra máis da falta de rigor e de responsabilidade que ten coas Comunidades autónomas”

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualifica de “fraude aos galegos” o novo decreto aprobado esta semana polo Consello de Ministros que regula as repotenciacións de parques eólicos en España e reclamou a retirada do recurso de inconstitucionalidade contra a normativa galega. Lorenzana considera “unha irresponsabilidade absoluta” que o Goberno aprobe agora esta norma cando hai poucas semanas presentou un recurso de inconstitucionalidade “contra Galicia” por este motivo. “Cunha man, o Consello de Ministros aprobaba hai nada presentar un recurso de inconstitucionalidade contra Galicia e, agora mesmo, coa outra man, hoxe aproba a mesma norma regulando a repotenciación obrigatoria dos parques eólicos de España”, dixo.

“Levamos tempo dicindo que o recurso de inconstitucionalidade que interpuxo o Goberno contra as medidas da nova política eólica da Xunta non favorece nin á industria de Galicia, nin ao noso desenvolvemento enerxético nin, por suposto, tampouco aos fogares, ás familias e ás industrias galegas en canto a que teremos menos enerxía para poder abaratar a factura da luz dos galegos e teremos máis impacto no territorio”, abondou a conselleira de Economía e Industria.

Segundo dixo, “agora demóstrase que, efectivamente, era un recurso de inconstitucionalidade do señor Sánchez contra Galicia” porque o que regula a Xunta é inconstitucional, mentres que o Consello de Ministros pode regulalo para toda España. Lorenzana criticou a “dobre moral” do Goberno e asegurou que “é unha mostra máis da falta de rigor e de responsabilidade que ten coas Comunidades autónomas”, concluíu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia