Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana defendeu no `I Foro de Minerais Críticos´, en Huelva, o impulso da Xunta ao sector mineiro e a aposta por situar a Galicia como referente en materias primas críticas

  • Destacou o potencial mineiro galego que, en dous anos, pasou de representar o 8,2% ao 9,5% do valor de produción en España, e resaltou o feito de ser a segunda Comunidade que máis emprego directo xera na minería, 3.711 postos de traballo, un 10% máis que en 2021
  • A conselleira de Economía e Industria trasladou a este foro sectorial a Lei de recursos naturais, da que enxalzou o obxectivo de “que en Galicia sexamos quen de repercutir os beneficios dos nosos propios recursos”, o que tamén afecta á minería de forma directa.
  • María Jesús Lorenzana plantexou a necesidade dunha menor complexidade na tramitación administrativa e recoñeceu as dificultades adicionais pola normativa europea: “Non é de recibo que nos esteamos congratulando de que tramitar un proxecto leve case 30 meses”, precisou.

Na súa intervención no `I Foro de Minerais Críticos´ celebrado en Palos de la Frontera (Huelva), a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu a aposta que está facendo o Goberno galego por impulsar a industria mineira e facer de Galicia un referente en materias primas críticas, para o cal avogou por reforzar a simplificación de trámites e polo diálogo fluído co sector. Lorenzana participou na mesa redonda que tivo como lema `Cara a unha folla de ruta das materias primas críticas´. Alí destacou o potencial mineiro de Galicia que, en dous anos, pasou de representar o 8,2 por cento do valor de produción en España ao 9,5 por cento, e precisou que é a segunda Comunidade autónoma que máis emprego directo xera na minería, con 3.711 persoas traballadoras, un 10% máis que en 2021.

“Temos materias primas máis clásicas, somos unha potencia en pedra natural, tamén en augas termais; a primeira Comunidade autónoma con máis balnearios activos, 19, pero tamén temos materias primas críticas como o litio ou o wolframio e, polo tanto, temos que traballar nesa vía a través dos concursos mineiros”, afirmou a conselleira neste foro sectorial. Ademais fixo referencia á Lei de recursos naturais que pretende, dixo, “que en Galicia sexamos quen de repercutir os beneficios dos nosos propios recursos” e que afecta á minería de forma directa. “Todo proxecto enerxético, ben sexa hidráulico, eólico ou mineiro, que se desenvolva con esta lei, debe repercutir o 50% da enerxía producida a prezos competitivos á industria galega”, abondou.

Con respecto ao papel da Administración, defendeu a necesidade de conseguir unha menor complexidade na tramitación administrativa. “Hoxe en día é moi difícil que un proxecto mineiro coas complexidades e as implicacións que ten saia adiante se non hai implicación, por suposto, das empresas pero, tamén, da Administración”, dixo. Ao respecto, apuntou que a figura dos proxectos industriais estratéxicos recolle un prazo de 12 meses para a súa aprobación. Pero, con todo, recoñeceu as dificultades para darlle axilidade á tramitación pola normativa europea. “Moitas veces non somos quen de acelerar os proxectos porque a lexislación europea é demasiado complexa e podería simplificarse sen menoscabo da parte ambiental, social, etcétera”, observou. “Non é de recibo que nos esteamos congratulando de que tramitar un proxecto leve case 30 meses”, plantexou.

María Jesús Lorenzana concluíu a súa participación no `I Foro de Minerais Críticos´ defendendo a fortaleza do sector en Galicia e poñendo en valor o moito que a minería pode facer pola industrialización das zonas do interior de Galicia.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia