Consellería de Economía e Industria
A Xunta “reforza o seguimento” das 600 empresas galegas que exportan a Oriente Medio e convoca a Mesa de apoio loxístico

- Rueda destaca que o obxectivo “é protexer do xeito máis eficaz ás nosas empresas fronte ás repercusións económicas” da situación actual na rexión e das políticas comerciais de Estados Unidos
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, detallou que a Xunta está en contacto permanente cos clústeres e asociacións empresariais “para coñecer de primeira man o posible impacto destes acontecementos no tecido produtivo”
- A Antena do Igape en Emiratos Árabes segue plenamente operativa e facilita información sobre a evolución da situación en Oriente Medio
- Lorenzana sinala como principais obxectivos da Mesa de apoio loxístico “compartir datos, analizar as consecuencias económicas do conflito e a posible implantación de medidas de apoio”
- En 2025, Galicia exportou á rexión por preto de 400 millóns de euros e importou por un valor de 213 millóns, en mercados como Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudita, Qatar, Kuwait, Omán ou Bahréin
- Mentres, as exportacións galegas a Estados Unidos representan arredor do 1,8% do total, logo de acurtarse en 2025 nun 32% sobre todo polo endurecemento de determinados aranceis e pola evolución do tipo de cambio
Na súa reunión semanal, Consello da Xunta de Galicia acordou este luns “reforzar o seguimento das 600 empresas galegas que exportan a Oriente Medio e convocar a Mesa de apoio loxístico” para avaliar os posibles efectos da situación internacional nas relacións comerciais con estes países, avanzou Alfonso Rueda. Do mesmo xeito, a Xunta analiza tamén como inflúe o actual contexto xeopolítico no comercio con Estados Unidos. “O noso obxectivo é protexer do xeito máis eficaz ás nosas empresas fronte ás repercusións económicas”, manifestou o presidente da Xunta.
Neste novo escenario, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, explicou que o Goberno galego mantén contacto permanente cos principais clústeres e asociacións empresariais co fin de facer un seguimento directo da evolución dos mercados e coñecer de primeira man o posible impacto destes acontecementos no tecido produtivo. Este traballo permitirá analizar, entre outros factores, as repercusións sobre sectores e aspectos clave, como os custos loxísticos e enerxéticos ou a estabilidade das cadeas de subministración, así como dispoñer de información actualizada para anticipar respostas ante eventuais cambios no comercio global. Ademais, o Igape mantén un contacto constante coa súa antena en Emiratos Árabes, que segue plenamente operativa e facilita información sobre a evolución da situación na rexión, precisou Lorenzana.
Por outra banda, e para reforzar o seguimento coas preto de 600 empresas afectadas pola situación internacional, a Consellería de Economía e Industria convocou a Mesa de Apoio Loxístico á Empresa, para compartir información e escoitar as necesidades sectoriais, entre outros aspectos. Este encontro quedou axendado para o 10 de marzo na sede do Igape, coa participación do Clúster da Función Loxística de Galicia e doutras asociacións e clústeres industriais afectados. “É unha medida que se inclúe no borrador do Plan director da loxística e que anticipamos polas circunstancias do mercado. Busca compartir datos, analizar posibles cambios nas rutas comerciais e medidas de apoio ás empresas se fose necesario”, indicou María Jesús Lorenzana.

UN VOLUME DE NEGOCIO DE 600 MILLÓNS DE EUROS
Tal e como explicou Alfonso Rueda, as relacións comerciais entre Galicia e os países de Oriente Medio experimentaron un crecemento notable nas últimas décadas, chegando “a triplicarse desde o ano 2000”. Na actualidade, das 600 empresas galegas que exportan a estes mercados, 200 fano de maneira regular. Así, en 2025, Galicia exportou a esta rexión por uns 394,6 millóns de euros e importou por un valor aproximado de 213 millóns, polo que o volume total de negocio superou os 600 millóns de euros anuais. Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudita, Qatar, Kuwait, Omán ou Bahréin están entre os principais destinos para as empresas galegas, así como outros países da contorna ampliada como Iraq, Irán e Xordania.
As exportacións galegas a Oriente Medio concéntranse principalmente en bens de consumo non alimentarios —especialmente no sector téxtil—, así como na automoción e no sector agroalimentario. Xunto a estes, tamén teñen presenza relevante o metalmecánico, a madeira e derivados ou o químico. En conxunto, “téxtil, automoción e agroalimentario representan o 90% das exportacións galegas a esta rexión”, detallou Lorenzana.
Ao contexto xeopolítico de Oriente Medio súmanse tamén as incertezas derivadas da evolución das relacións comerciais con Estados Unidos. Neste caso, trátase dun mercado relevante para determinadas exportadoras galegas, aínda que cun peso limitado no conxunto do comercio exterior da Comunidade. As exportacións galegas a Estados Unidos representan arredor do 1,8% do total. En 2025 rexistrouse unha redución próxima ao 32%, vinculada principalmente ao endurecemento de determinados aranceis e á evolución do tipo de cambio. Ese ano máis de 1.000 empresas galegas exportaron a este país, das cales unhas 350 fixérono de maneira regular.
A pesar das incertezas do contexto internacional, Rueda lembrou que Galicia conta “cun tecido exportador cada vez máis sólido, diversificado e experimentado”, como mostra o feito de que nos dous últimos anos acadáronse as mellores cifras exportadoras da historia da Comunidade: máis de 31.000 millóns de euros no 2024 e un volume similar no 2025.
ESTRUTURA EQUILIBRADA EN COMERCIO EXTERIOR
Neste marco, cómpre salientar que arredor do 70% das exportacións galegas diríxense a países da Unión Europea, o que contribúe a achegar estabilidade ao comercio exterior da Comunidade. Entre os principais destinos destacan Francia, Portugal, Italia, Polonia ou Alemaña, mentres que fóra da UE tamén medran mercados como Turquía, Chile ou Alxeria. A estrutura exportadora galega é ademais equilibrada, con sectores como automoción e compoñentes, téxtil e moda, alimentación e bebidas, metalmecánico ou industria da madeira.
Polo tanto, a internacionalización segue sendo un dos principais motores do crecemento económico de Galicia. Por iso, o obxectivo é seguir acompañando ás empresas galegas no seu proceso de apertura a novos mercados, reforzando a súa capacidade de adaptación ante os retos e oportunidades que poidan xurdir no actual contexto internacional. Neste ámbito, as liñas de apoio Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e o programa Foexga, activados polo Igape neste ano 2026 e actualmente con prazos abertos para a presentación de solicitudes, permitirán seguir impulsando a presenza internacional do tecido empresarial galego e favorecer a diversificación dos seus mercados exteriores.

























