Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O Plan de Misións Comerciais da Xunta destina 2,4 millóns de euros a accións de internacionalización do sector empresarial galego

  • O DOG acaba de publicar esta nova convocatoria da Consellería de Economía, Industria e Innovación que ten como obxectivo impulsar máis dun centenar de misións en 30 países e dar apoio a 600 pemes

  • A Consellería desenvolve este programa a través do Igape e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, dentro da Estratexia de Internacionalización do Goberno galego

  • A aposta pola proxección exterior das pemes galegas busca aumentar a base de empresas exportadoras, fomentar a presenza galega nos mercados internacionais e lograr unha maior diversificación sectorial e xeográfica das exportacións

  • As actuacións consisten en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, con apoios que cobren o 70% dos gastos directos, máis un 7% adicional en concepto de axudas aos custos indirectos.

  • Desde o ano 2014 a Xunta ten destinado máis de 14 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes a través de accións en 70 países

  • O obxectivo é aumentar a base de empresas exportadoras, fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, e conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar unha nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que suma preto de 2,4 millóns de euros para apoiar accións de internacionalización do tecido produtivo da Comunidade na procura de impulsar, durante este exercicio, máis dun centenar de misións en máis de 30 países.

O programa, que desenvolve a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, enmárcase na aposta pola internacionalización do Goberno galego, e aspira a que arredor de 600 compañías tomen parte nas accións de promoción, favorecendo a súa imaxe nos mercados exteriores.

Neste contexto, o Plan prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado.

As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios, en réxime de concorrencia non competitiva, do 70% dos gastos directos do proxecto, máis un 7% adicional en concepto de axudas aos custos indirectos.

O obxectivo é aumentar a base de empresas exportadoras, fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, e conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.

Cómpre salientar que desde o ano 2014 o Goberno galego ten destinado máis de 14 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.

NOVO RÉCORD HISTÓRICO EN EXPORTACIÓNS

O Plan de Misións comerciais enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia veña de lograr o seu récord histórico en exportacións: máis de 30.000 millóns ao peche de 2023.

Deste xeito, a balanza comercial galega reflicte un saldo positivo de 9.138 M€ e continúa sendo positiva cunha taxa de cobertura no conxunto do ano 2023 do 143,7%. Así mesmo, as empresas exportadoras regulares ascenderon ata as 2.693 no último exercicio, o que supón un lixeiro aumento tamén respecto ao ano 2022.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia