Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta ve no acordo entre UE e Mercosur “oportunidades únicas” en sectores como a automoción e a industria química, pero reclama garantías para o agrogandeiro

  • As conselleiras de Economía e Industria e de Medio Rural analizaron as posibles repercusións do novo escenario para as empresas galegas e coincidiron na necesidade de que todos os sectores sexan “escoitados e protexidos”

  • María Jesús Lorenzana apuntou que a alianza pode impulsar o comercio a a internacionalización das empresas galegas, polo que a Xunta porá en marcha instrumentos específicos na rexión, como a apertura dunha nova Antena comercial do Igape en Brasil, a primeira en América do Sur

  • A titular de Economía e Industria precisou que as perspectivas para os sectores produtivos galegos son especialmente positivas en industrias clave como a do automóbil, a de pezas de maquinaria, a dos produtos químicos ou o naval

  • Pero ao mesmo tempo defendeu que o novo marco comercial conte cunha estratexia “eficaz e intelixente” que asegure “a inclusión de todos os sectores produtivos estratéxicos para a economía galega”

  • A conselleira de Medio Rural advertiu que a esixencias como a burocracia ou os requirimentos ambientais engádese agora “a ameaza que pode supoñer o acordo do Mercosur para un sector especialmente sensible a calquera movemento a nivel mundial” como é o agroalimentario

  • María José Gómez amosou a súa “preocupación” polas posibles consecuencias do acordo e insistiu na reclamación dunha conferencia sectorial urxente para avaliar o impacto da alianza

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e a titular de Medio Rural, María José Goméz, reclamaron garantías para os sectores produtivos estratéxicos para a economía galega ante o novo escenario tras o acordo alcanzado o pasado 6 de decembro entre a Unión Europea e Mercosur, e que facilitará o intercambio comercial sen aranceis entre os países europeos e os que forman o bloque económico suramericano: Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai. En rolda de prensa conxunta, Lorenzana destacou que a alianza, no caso de Galicia, podería impulsar o comercio e a internacionalización das empresas galegas e anunciou a apertura dunha nova Antena comercial do Instituto de Promoción Económica de Galicia (Igape) en Brasil, a primeira que se abrirá en América do Sur co fin de apoiar aqueles sectores que queiran operar neses mercados.

O pacto, que está pendente da súa ratificación polo Consello da UE e o Parlamento Europeo, liberalizaría o 90% das importacións e exportacións entre ambos bloques, ofrecendo oportunidades únicas para sectores estratéxicos en Galicia, como o automóbil, os produtos agrícolas e a industria química.

Segundo explicou María Jesús Lorenzana, o futuro marco comercial permitiría ás empresas galegas aproveitar mellores condicións de acceso aos mercados de América do Sur, reducindo aranceis e mellorando a competitividade das exportacións. Cómpre subliñar que Arxentina e Brasil, estados parte de Mercosur, son clave para o sector industrial e para a adquisición de materias primas críticas como o litio, necesario para alcanzar os obxectivos verdes europeos. Ademais, Uruguai e Paraguai, tamén membros, ofrecen perspectivas para sectores como o alimentario e a maquinaria, reforzando o papel exportador das pemes galegas.

A conselleira de Economía subliñou que un dos principais beneficios do acordo é a redución das barreiras arancelarias e non arancelarias, o que facilitaría unha maior fluidez nos intercambios comerciais. O pacto inclúe a creación dun fondo europeo de 1.800 millóns de euros que permitiría apoiar a transición ecolóxica e dixital nos países do Mercosur, xerando sinerxías que poderán ser aproveitadas polas empresas de Galicia.

Así as cousas e tal como apuntou Lorenzana, as perspectivas para os sectores produtivos galegos son especialmente positivas en industrias clave como a do automóbil, as pezas de maquinaria e os produtos químicos ou o naval, entre outras, onde as exportacións galegas xa ocupan un lugar destacado.

No caso da industria alimentaria, a redución dos aranceis e a maior seguridade xurídica, mediante Indicacións Xeográficas, favorecería o comercio de viños e produtos típicos galegos. Neste punto, Lorenzana reclamou “controis máis estritos e transparentes e implementar unha estratexia eficaz e intelixente para Europa no sentido de maximizar os beneficios que ten o acordo”, pero mitigando os posibles efectos negativos e garantindo a inclusión de todos os sectores produtivos. E respecto da industria pesqueira, a conselleira apuntou que podería beneficiarse dun acceso máis competitivo a materias primas procedentes de Mercosur.

Lorenzana referiuse tamén ao apartado específico que incorpora o acordo para facilitar a internacionalización das pemes “e que recoñece as dificultades que estas empresas atopan ao intentar acceder a mercados exteriores”. Así, entre as medidas propostas destacan a creación de bases de datos para simplificar os procedementos de exportación e a implantación de sistemas automatizados para a xestión aduaneira. Unhas iniciativas que poderían permitir ás empresas galegas de menor tamaño competir en condicións similares cos grandes operadores internacionais.

“POSICIÓN ÚNICA” PARA GALICIA

Tamén se referiu á relevancia estratéxica como ferramenta xeopolítica que pode xogar para Europa este acordo fronte a China e Estados Unidos. “Ofrece unha oportunidade importante para que os países europeos poidan establecer uns lazos máis intensos con Suramérica, destacou para, a continuación, reivindicar os lazos culturais e históricos de Galicia con América latina e que sitúan á Comunidade galega “nunha posición única para liderar o achegamento e facilitar a cooperación e entendemento mutuo”.

A conselleira insistiu na necesidade de aproveitar a oportunidade que ofrece a alianza “e traballar no acompañamento ás empresas”. E para iso, anunciou a apertura dunha nova Antena comercial do Igape en Brasil, que se viría a sumar ás de México, Estados Unidos, Marrocos, China, Xapón e Emiratos Árabes. O obxectivo, subliñou, “pasa por prestar un apoio directo e personalizado ás empresas galegas que operen ou desexen operar nos mercados do Mercosur” a través dunha asistencia directa en destino, redes de contacto no país de orixe da antena, a promoción das exportacións e unha monitorización dos mercados internacionais de referencia. A elección de Brasil como sede das novas oficinas do Igape responde á importancia estratéxica deste país suramericano, xa que é o principal destino das exportacións españolas e galegas na rexión.

Doutra banda, María Jesús Lorenzana avanzou que en tanto non se alcance o acordo, a Xunta de Galicia realizará un seguimento do proceso de ratificación do tratado que “incluirá unha actualización permanente para ter unha información regular e detallada a cada un dos sectores potencialmente afectados”.

“Cremos que cómpre aproveitar esta oportunidade para liderar e innovar pero desde a prudencia, con visión e con cooperación, e tratando de maximizar os beneficios que pode ter para Galicia e o seu tecido empresarial”, rematou dicindo a titular de Economía ao tempo que reclamou garantías “para que todos os sectores sexan escoitados e protexidos”.

CONFERENCIA SECTORIAL URXENTE

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, amosou a súa “preocupación” polas posibles consecuencias do acordo no sector agrogandeiro galego e insistiu na reclamación dunha conferencia sectorial urxente sobre esta cuestión, para avaliar ese impacto.

Sinalou que a Xunta é moi consciente das importantes protestas que houbo no sector diante das esixencias cada vez maiores da Unión Europea para o sector primario, en eidos como a burocracia ou os requirimentos ambientais, e que en moitas ocasións inciden na competitividade das explotacións. A esta situación -dixo- engádese agora a ameaza que pode supoñer o acordo de Mercosur para un sector “especialmente sensible a calquera movemento a nivel mundial” como é o agroalimentario.

Polo tanto, “se ben estamos nunha situación actual de estabilidade de prezos”, matizou a conselleira, o tratado supón “un novo reto” do que se descoñecen as implicacións reais no campo. Por iso lembrou que diferentes comunidades autónomas, entre elas Galicia, teñen solicitado ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a convocatoria dunha conferencia sectorial urxente para tratar de esclarecer o impacto que o Mercosur vai ter no eido primario.

Trasladou que se ben a baixada de aranceis para a importación de determinadas materias primas destinadas á alimentación animal pode ser positiva, tamén “estamos diante duns países cunha inmensa potencialidade no ámbito agrogandeiro e cunhas dimensións moi grandes”, o que pode supoñer unha ameaza para un sector tan sensible.

Mencionou, neste mesmo sentido, todos os condicionantes en eidos como a sanidade e o benestar animal que se foron implementando en Europa con respecto, por exemplo, ao uso de fitosanitarios, pensos ou outros aditivos que hai moitos anos se usaban na UE e que se foron eliminando, pero que si están aínda vixentes nos países do Mercosur.

María José Gómez afirmou que mantén un diálogo fluído cos axentes do sector e especialmente co da carne, que pode ser o máis “vulnerable”, a expensas de saber as implicacións concretas do tratado e advertiu que os controis de fronteiras son adecuados, pero preguntouse que ocorre cos controis nos países de orixe. Engadiu que “estaremos vixiantes” porque os nosos produtores teñen que competir en igualdade de condicións nesta nova realidade e tamén sobre as negociacións para a implementación da nova PAC, nas que “veremos como se vai protexer o sector agroalimentario europeo” nesta nova tesitura.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia