Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

As empresas e autónomos poden solicitar ata o 30 de setembro as axudas do Igape para acceso ao crédito, dotadas este ano con 19 millóns de euros

  • María Jesús Lorenzana detalla que esta liña de financiamento ofrece préstamos bonificados de 3 a 15 anos para investimentos produtivos ou circulante
  • Os apoios, que oscilan entre 3.000 e un millón de euros, poden destinarse a investimentos como terreos, instalacións, equipos, investigación, propiedade intelectual ou capital corrente, entre outros
  • A conselleira de Economía e Industria e a directora do Igape visitaron en Bergondo a Panificadora Mencer, un Centro Especial de Emprego no que traballan máis de 30 persoas

 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destaca o apoio financeiro que a Xunta presta este ano ás empresas galegas cunha liña de axudas de acceso ao crédito -aberta a solicitudes neste momento- por importe de 19 millóns de euros. Acompañada da directora do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, Lorenzana visitou a Panificadora Mencer, un Centro Especial de Emprego que botou a andar hai 12 anos en Bergondo (A Coruña), e no que traballan máis de trinta persoas das cales máis do 95 por cento ten algún grao de discapacidade.

Panificadora Mencer, da que a conselleira dixo que é “un exemplo de empresa que realiza unha función social moi importante por canto axuda á inserción laboral das persoas con discapacidade”, foi beneficiaria desta liña de apoios da Xunta, unha das que forma parte do grupo de axudas que publicou o Igape a inicios de ano por importe total de case 181 millóns de euros e que xa teñen os prazos de solicitude abertos.

En concreto, a liña de acceso ao crédito está aberta ata o 30 de setembro e ofrece préstamos bonificados de 3 a 15 anos para investimentos produtivos ou circulante (terreos, instalacións, equipos, investigación, propiedade intelectual e capital corrente, entre outros). O importe sitúase entre 3.000 e 1 millón de euros. Os créditos que se soliciten tamén poden destinarse ao pagamento ou reestruturación de débedas. Con respecto aos préstamos para garantías fronte a terceiros, o importe tamén pode oscilar entre 3.000 e 1 millón de euros a un ano.

“Empresas e autónomos xa poden solicitar as principais liñas de axuda que a Xunta, a través do Igape, ten este ano á súa disposición, para financiamento, internacionalización, competitividade ou innovación e dixitalización, que é onde están os maiores retos das empresas neste momento”, concluíu a conselleira de Economía e Industria.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia