Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A NOVA LEI DE ARTESANÍA DE GALICIA IMPULSA A PROFESIONALIZACIÓN E COMPETITIVIDADE DO SECTOR ARTESANAL GALEGO, AO QUE DOTA DUN MARCO XURÍDICO ADAPTADO Á REALIDADE ACTUAL

MARÍA JESÚS LORENZANA

• A conselleira de Economía, Industria e Innovación pechou o debate para a aprobación da norma, que aporta protección a esta actividade sustentable e xeradora de emprego

• María Jesús Lorenzana resaltou no Parlamento que a nova Lei promove “a importancia social, cultural, identitaria e económica” da artesanía de Galicia e que aposta por “un sector forte e perdurable no tempo”

• Precisou que nace “con vocación de gran acordo”, con participación dos profesionais e da sociedade na súa elaboración

• Entre os obxectivos sinalou a pervivencia, expansión e comercialización, a profesionalización e a remuda xeracional incorporando novos talentos

• Como novidades, a Lei de Artesanía de Galicia inclúe o recoñecemento oficial de Mestra e Mestre Artesán e identifica dúas modalidades -zona e obradoiro- de puntos de especial interese artesanal pola súa vinculación ao territorio e ao desenvolvemento do medio rural

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, pechou no Parlamento o debate para a aprobación da Lei de Artesanía de Galicia, subliñando que esta norma permitirá impulsar o sector como unha actividade económica contemporánea, sustentable e xeradora de emprego vinculado ao territorio.

Tal e como apuntou Lorenzana, esta norma crea un marco xurídico adaptado á nova realidade do sector artesán galego, mantendo e promovendo a súa importancia social, cultural, identitaria e económica e incrementando a súa profesionalización e competitividade, apostando por un sector forte e perdurable no tempo.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación fixo fincapé en que a norma nace con vocación de gran acordo, representando ao sector e dando resposta ás súas necesidades, coa participación da sociedade e das organizacións de profesionais na súa elaboración.

Lorenzana avogou pola protección da Artesanía de Galicia nas súas diferentes manifestacións, así como por manter canles de cooperación e colaboración entre o sector e os poderes públicos, asegurar a súa pervivencia, potenciar a súa expansión e comercialización, impulsar a súa profesionalización e consolidar a remuda xeracional integrando novos talentos.

RECOÑECEMENTO DA MESTRÍA ARTESÁ

A nova Lei, que se centra na ordenación, promoción, fomento, modernización e profesionalización da Artesanía de Galicia, inclúe o recoñecemento oficial de Mestra artesá e Mestre artesán, con dous tipos de distinción: profesional e divulgativo. Tamén se crean os puntos de especial interese artesanal, relacionados coa especial vinculación da actividade artesanal ao territorio e a súa contribución ao desenvolvemento do medio rural. Distínguense dúas modalidades: zona de especial interese artesanal e obradoiro de especial interese artesanal.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia