Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA SOLICITA AO GOBERNO UNHA CONVOCATORIA URXENTE DA MESA DE SEGUIMENTO DE ALCOA PARA QUE A COMPAÑÍA DEFINA OS SEUS PLANS PARA A PLANTA DE SAN CIBRAO

alcoa

― Nunha xuntanza co comité de empresa, a conselleira de Economía, Industria e Innovación adiantou que a Administración autonómica vai seguir analizando cos seus servizos xurídicos a decisión da empresa de aprazar de xeito “temporal” os investimentos comprometidos

― María Jesús Lorenzana matizou que ese aprazamento “ten que ter uns tempos e non pode ser de natureza indefinida porque, de ser o caso, estariamos en condicións de analizar se está cumprindo ou non o acordo”

― Considera fundamental que Alcoa aclare cando levará a cabo os investimentos na factoría luguesa e agarda que sexa “nunha mesa onde estean presentes a totalidade das Administracións, a empresa e o comité”

― A conselleira reitera a importancia de que o Goberno central “regule no estatuto para as empresas electrointensivas medidas e axudas acaídas para que non exista ese risco de deslocalización”

― Volve a subliñar a importancia que ten para o sector industrial que exista un axeitado desenvolvemento das fontes renovables, para levar a cabo “acordos e colaboracións" de mellora dos prezos enerxéticos

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avanzou que a Xunta de Galicia vén de solicitar ao Ministerio de Industria e Turismo unha convocatoria urxente da mesa de seguimento de Alcoa para que a empresa defina os plans que ten previsto para a planta de San Cibrao.

Lorenzana reuniuse co comité de empresa da factoría luguesa logo de que a compañía dese a coñecer o aprazamento temporal dos investimentos que tiña comprometidos para o forno de cocción de ánodos, unha infraestructura clave para as instalacións da Mariña.

“Entendemos que é moi importante que a empresa explique a que se refire cando fala de aprazamento temporal”, aseverou a conselleira. “Para nós é fundamental que aclare cando se van levar a cabo (os investimentos), e cremos que ten que ser nunha mesa onde estean presentes a totalidade das Administracións, a empresa e o comité”, engadiu.

Segundo dixo, “ese aprazamento ten que ter uns tempos e non pode ser de natureza indefinida porque, de ser o caso, estariamos en condicións de analizar se está cumprindo ou non o acordo”. Neste sentido, adiantou que a Administración autonómica vai seguir analizando cos seus servizos xurídicos as decisións tomadas pola empresa e a súa viabilidade, tendo en conta o acordo asinado.

A conselleira explicou que Alcoa alega como unha das causas para non poder levar a cabo neste momento os investimentos a súa delicada situación, debido aos prezos enerxéticos e pouco competitivos que ten agora mesmo España e á dificultade para asinar PPAs coas enerxéticas.

ESTATUTO PARA EMPRESAS ELECTROINTENSIVAS

Ao respecto, Lorenzana volveu recalcar a necesidade de que o Goberno central “regule no estatuto para as empresas electrointensivas medidas e axudas acaídas para que non exista ese risco de deslocalización”. Igualmente, subliñou a importancia que ten para a industria “que exista un adecuado desenvolvemento das fontes renovables, dos proxectos de todo tipo, proxectos eólicos, que ao final -dixo- son os que permiten levar a cabo eses acordos e colaboracións para mellorar os prezos enerxéticos”.

A conselleira concluíu manifestando “o absoluto apoio da Xunta de Galicia ao comité de empresa e aos traballadores”. E lembrou que a Administración autonómica leva traballando “insistentemente e de maneira continuada” con eles por que se manteña o emprego e a actividade industrial en Alcoa.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia