Consellería de Economía e Industria
Rueda avoga por “construír unha Galicia competitiva e industrial”, mediante proxectos como o da multinacional chinesa SAIC

- No V Foro La Galicia que viene, na cidade da Coruña, destacou que a elección galega do grupo automobilístico para fixar a súa base en Europa representa “un gran logro colectivo e un síntoma de que aquí se están a facer as cousas ben”
- O presidente da Xunta remarcou que detrás deste investimento hai un traballo moi intenso que só é posible grazas aos esforzos previos dun territorio que ofrece “estabilidade institucional e bo clima entre Administracións”
- Tamén reflexionou sobre o potencial de Galicia na transición enerxética: “Temos fontes de enerxía que serán o petróleo do futuro, como a auga, o vento, os minerais...”
- En relación ao Xacobeo 2027, avanzou que será un acontecemento histórico e “o gran escaparate de Galicia cara o mundo”
Durante a súa participación no V Foro Económico La Galicia que viene, que tivo lugar na cidade da Coruña, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou por construír unha Galicia competitiva e industrial, un camiño no que chamou a atención sobre a importancia de proxectos como o da multinacional chinesa SAIC, que acaba de elixir á Comunidade como a súa base en Europa. “É un gran logro colectivo e un síntoma de que aquí se están a facer as cousas ben”, asegurou.
A aposta da empresa automobilística chinesa suporá un investimento de 200 millóns de euros e a creación de 2.300 empregos nunha primeira fase. A medio prazo, permitirá converter a comarca de Ferrolterra nun hub industrial e loxístico de primeira orde. Rueda precisou que, detrás deste investimento, hai un traballo moi intenso e que só é posible grazas aos esforzos previos dun territorio que ofrece “estabilidade institucional e bo clima entre Administracións”.
Na súa intervención neste Foro económico, destacou ademais a aposta que está a realizar a Xunta por “aproveitar o potencial de Galicia” no eido das enerxías. “Temos fontes de enerxía que serán o petróleo do futuro, como a auga, o vento, os minerais...”, para salientar a continuación que resulta fundamental producir enerxía “para abastecer ás industrias” xa existentes na Comunidade e atraer novos proxectos.
“ATRAER INVERSIÓN E RETER TALENTO”
Ademais, o presidente da Xunta lembrou que Galicia está a consolidarse como un referente en I+D e que o Goberno apoia medidas para “atraer inversión e reter talento”. Todo co obxectivo de construír unha Galicia máis competitiva e líder en diferentes eidos, pero sen renunciar a manter “o alto nivel dos servizos públicos”, como a educación, a sanidade ou as políticas sociais, enumerou.
Por último, Alfonso Rueda fixo referencia ao próximo Xacobeo, que se celebrará o vindeiro ano. Ademais da afluencia récord de visitantes que se espera, e do seu impacto económico, o titular o Executivo galego chamou a atención sobre que o evento servirá tamén para que o mundo enteiro poida coñecer a capacidade, talento e potencial da Comunidade autónoma. “Será o gran escaparate de Galicia cara o mundo, marca país e da Galicia Calidade”, indicou.

























