Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Exposición Universal de Osaka 2025 acolle esta semana o Día de Honra de Galicia, que propiciará varios encontros empresariais

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reunirase con representantes de Fujitsu Limited, Orix Corporation e Inaba Foods, compañías de alto interese para a economía galega
  • Manterá un encontro con directivos da Japan External Trade Organization (Jetro), organización gubernamental dedicada a promover o comercio internacional con Xapón así como o investimento
  • Tamén está previsto un acto organizado pola Embaixada de España con empresas galegas establecidas no país asiático e con grupos xaponeses con instalacións en Galicia
  • Turismo de Galicia promocionará a Comunidade coa organización de actividades culturais e gastronómicas durante toda a semana

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, viaxa esta semana a Xapón, onde asistirá á celebración do Día de Honra de Galicia na Exposición Universal de Osaka 2025 e manterá, tamén, unha axenda con diversos encontros empresariais. A Exposición Universal de Osaka 2025, que se celebra entre o 13 de abril e o 13 de outubro, está organizada pola Bureau International des Expositions (BIE) baixo o lema “Deseñar a sociedade do futuro e imaxinar a nosa vida de mañá”. Galicia estará presente durante a semana do 16 ao 21 de setembro con toda unha serie de actividades culturais e gastronómicas organizadas por Turismo de Galicia no Pavillón de España.

No plano económico, xa en Tokio, María Jesús Lorenzana terá ocasión de participar nun encontro organizado pola Embaixada de España en Xapón con empresas galegas establecidas no país e con compañías xaponesas con sede en Galicia. Durante a súa estadía, reunirase con representantes de Fujitsu Limited, Orix Corporation ou Inaba Foods, firmas de interese para Galicia. Ademais, tamén visitará a Oficina Comercial de España en Xapón, a Cámara de Comercio e Industria Española no país, e manterá un encontro coa Japan External Trade Organization (Jetro), unha organización gubernamental dedicada a promover o comercio internacional e o investimento con Xapón.

O obxectivo da viaxe é seguir estreitando as relacións comerciais e culturais que Galicia vén mantendo co país nipón, con cifras á alza non só a nivel turístico senón, tamén, de empresas galegas que xa exportan de forma regular a este mercado.

En 2024, as exportacións galegas con destino a Xapón ascenderon a 121,65 millóns de euros, mentres que as importacións de produtos procedentes dese mercado asiático cifráronse en 39,33 millóns.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia