Consellería de Economía e Industria
A Xunta inicia a repotenciación dos 25 parques eólicos máis antigos de Galicia, que xa se completou en cinco enclaves da provincia da Coruña

- Nunha visita a Zas, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, precisou que os 20 restantes teñen 18 meses de prazo para presentar o proxecto
- A repotenciación dos parques eólicos que superan os 25 anos de antigüidade vai permitir a retirada de máis de 800 aeroxeradores da paisaxe galega
- Lorenzana incide na importancia de seguir traballando no novo Plan Eólico de Galicia e en que as medidas que está implantando a Xunta “redunden en máis industria e máis emprego”, e axuden a aumentar a porcentaxe de enerxía renovable para acadar os obxectivos de descarbonización e abaratar a factura eléctrica
- No caso concreto do parque eólico de Zas, de EDP, coa repotenciación pasou de ter 80 aeroxeradores de 300 KW a 10 de 2.400 KW, duplicando a produción de enerxía, que agora equivale ao consumo eléctrico de 30.000 fogares
No transcurso dunha visita en Zas (A Coruña) a un dos cinco parques eólicos que hai actualmente en Galicia xa repotenciados, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou que a repotenciación dos 25 parques eólicos máis antigos de Galicia, por superar os 25 anos de antigüidade, permitirá a retirada de máis de 800 aeroxeradores da paisaxe galega, e que quedarán reducidos a unha media de 120. As outras catro instalacións que xa foron repotenciadas ubícanse tamén na provincia da Coruña: en Corme, Cabo Vilán, Malpica e entre Mañón e Ortigueira (Serra da Panda II).
“En Galicia, nos vindeiros anos, vaise aumentar a cantidade de parques eólicos repotenciados de xeito significativo”, dixo a conselleira de acordo á Lei de medidas fiscais e administrativas, que establece que aqueles parques eólicos cunha antigüidade de máis de 25 anos van ter a obriga de repotenciarse. Dos 25 máis antigos, cinco xa o están a facer de forma voluntaria, e os 20 restantes teñen un prazo de 18 meses para presentar o seu proxecto.
No caso do parque eólico de Zas, que promove EDP, coa repotenciación pasou de ter 80 aeroxeradores de 300 KW a 10 de 2.400 KW, e duplicou a produción de enerxía de 52,8 GWh/ano a máis de 100 GWh/ano, que equivale ao consumo eléctrico de 30.000 fogares. É dicir, coa mesma potencia instalada, 24 MW, ao ser máquinas máis eficientes, conseguen un rendemento que pasa das 2.200 horas de funcionamento -a cifra media dun parque normal- a máis de 4.000.
A RENOVABLE GALEGA CON MAIOR PRODUCIÓN ELÉCTRICA
Á espera de coñecer os datos do informe anual de Rede Eléctrica, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con maior produción eléctrica a partir da forza do vento (9.086 GWh). A eólica foi a tecnoloxía renovable que máis GWh achegou durante 2023 ao mix enerxético autonómico, ata o 38,1 %.
Lorenzana concluíu a visita a Zas insistindo na importancia de seguir traballando no novo Plan Eólico de Galicia e de que as medidas que a Xunta está implantando “redunden en máis industria e máis emprego”, e axuden a aumentar a porcentaxe de enerxía renovable que é o que vai permitir acadar os obxectivos de descarbonización e á súa vez abaratar a factura eléctrica dos consumidores.

























