Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda avanza que a Xunta sacará a concurso 153 dereitos mineiros que caducaron nas catro provincias e que será “criterio determinante” o retorno económico que as empresas deixen no territorio

  • Precisou que o concurso inclúe 126 permisos de investigación e 27 concesións de explotación, cun prazo de dous meses para presentar as solicitudes desde a publicación da convocatoria no BOE
  • A superficie conxunta alcanza as 200.000 hectáreas, o que supón dez veces máis que a extensión licitada o ano pasado
  • Ademais saen a concurso dereitos para proxectos de investigación de novos recursos e para o aproveitamento de xacementos con reservas xa acreditadas
  • O presidente da Xunta lembrou que “Galicia conta con 18 das 34 materias primas cualificadas como críticas pola UE”, entre elas o litio e o volframio
  • Nas concesións de explotación, os criterios socioeconómicos e ambientais terán un peso do 65% na valoración das propostas, moi superior ao dos criterios exclusivamente mineiros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonómico vai “sacar a concurso 153 dereitos mineiros caducados nas catro provincias”, nos que os criterios sociais, económicos e ambientais serán determinantes. Deste xeito, a Xunta reforza a súa aposta por unha minaría vinculada á industria, á innovación e á creación de valor coa posta en marcha da segunda fase do Plan mineiro de Galicia para a investigación e explotación de recursos minerais críticos e metálicos.

Segundo explicou o titular do Executivo galego, a convocatoria supón un importante avance, xa que incluirá “unha superficie de 200.000 hectáreas, o que supón dez veces máis que a que se convocou o ano pasado” e, ademais, saen a concurso dereitos para proxectos de investigación de novos recursos e para o aproveitamento de xacementos con reservas xa acreditadas. En concreto, o concurso inclúe 126 permisos de investigación e 27 concesións de explotación. Os primeiros permitirán estudar o potencial do subsolo galego e determinar a existencia e características dos recursos minerais presentes en cada zona; as segundas farán posible o aproveitamento de xacementos cuxas reservas xa están acreditadas, sempre que os proxectos cumpran cos requisitos técnicos, ambientais e administrativos establecidos. Unha vez que se publique a convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE), as empresas interesadas disporán de dous meses para presentar as súas solicitudes.

Trátase de recursos relevantes para a industria do século XXI. Así, o litio é esencial para a fabricación de baterías; o volframio emprégase en ferramentas, aliaxes e aplicacións industriais de alta resistencia; o estaño ten un papel destacado na electrónica; e o cuarzo, o caolín ou a arxila son fundamentais para sectores como a construción. Nesta liña, Rueda lembrou que “o territorio galego conta con 18 das 34 materias primas cualificadas como críticas pola UE”, uns recursos cuxo valor potencial podería alcanzar os 45.000 millóns de euros.

Alfonso Rueda fixo fincapé en que Galicia debe aproveitar o potencial dos seus recursos naturais desde unha perspectiva vinculada á industria, á innovación e á creación de valor, especialmente nun contexto internacional no que o acceso a determinadas materias primas é cada vez máis relevante para a competitividade das economías europeas. Deste xeito precisou que o obxectivo da convocatoria vai máis alá de facilitar o aproveitamento dos recursos minerais: “Queremos garantías de que os novos proxectos mineiros terán un impacto positivo na contorna”, indicou. O obxectivo é que os proxectos que se desenvolvan en Galicia xeren riqueza e oportunidades nos territorios nos que se implantan, de maneira que a actividade mineira se traduza en emprego, investimento e actividade económica local.

Por este motivo, “unha das grandes novidades” deste concurso é que as empresas que resulten adxudicatarias deberán presentar plans sociais e compromisos concretos para incrementar o impacto positivo dos proxectos nas zonas de implantación. Entre os aspectos que se valorarán estarán a creación de emprego, a mobilización de investimento, a contratación de empresas e provedores locais, a xeración de actividade económica e a contribución ao desenvolvemento socioeconómico das áreas afectadas. Así, no 65% da valoración das propostas nas concesións de explotación, os dereitos de maior interese corresponderá a criterios socioeconómicos e ambientais, fronte ao peso dos criterios especificamente mineiros. Neste suposto das concesións de explotacións, exixirase o compromiso de achega económica anual para o seu despregamento, cunha contía mínima do 5% do EBIT (beneficios antes de xuros e impostos), valorándose unha maior contribución co obxectivo de que nalgúns casos poida superar o 8%.

PONTEVEDRA CONCENTRA MÁIS DA METADE DOS PERMISOS DE INVESTIGACIÓN

Os 126 permisos de investigación distribúense entre as catro provincias e permitirán avanzar no coñecemento do potencial mineiro do territorio. Pontevedra concentrará 66 permisos de investigación; A Coruña contará con 29; Lugo, con 21; e Ourense, con 10. En total, os permisos abranguen unha superficie de 200.244,89 hectáreas, dez veces superior á incluída no concurso convocado en 2025.

A natureza dos recursos que poderán ser obxecto de investigación varía en función das características xeolóxicas. Así, en Lugo poderán investigarse, entre outros, indicios de cobre, ouro, chumbo ou zinc; en Ourense, de coltán, volframio, litio ou estaño; en Pontevedra, de litio, volframio ou estaño; e na Coruña, ademais de volframio e estaño, existen indicios de cuarzo, lignito ou serpentina.

A investigación permitirá determinar o potencial destes recursos e, de ser o caso, valorar a súa explotación. Así, as empresas poderán solicitar inicialmente un permiso de investigación para estudar o subsolo. Deste xeito, a autorización para investigar non supón automaticamente a apertura dunha explotación mineira, senón que constitúe unha fase previa destinada a coñecer con precisión os recursos existentes e a súa viabilidade.

A convocatoria inclúe tamén 27 concesións de explotación, todas na provincia da Coruña. Trátase de dereitos vinculados a xacementos con reservas acreditadas e que permitirán avanzar no seu aproveitamento, sempre sometido ao cumprimento das correspondentes exixencias técnicas e ambientais. En San Fins, sairán a concurso 21 dereitos para o aproveitamento de reservas de volframio e estaño; en Santa Comba, dous vinculados tamén a estes dous minerais; en Corcoesto, tres para o aproveitamento de ouro; e en Mesón Uno, un dereito para caolín, cuarzo e arxila.

Con esta combinación de permisos de investigación e concesións de explotación, a Xunta pretende avanzar tanto no coñecemento dos recursos existentes no subsolo galego como no aproveitamento daqueles xacementos que presentan xa reservas acreditadas, sempre desde unha perspectiva de sustentabilidade, seguridade, innovación e creación de valor.

IA APLICADA Á MINARÍA

Seguindo a folla de ruta da Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030, o Goberno galego aspira a converter o sector mineiro nun aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial e para garantir que os procesos de transición ecolóxica e dixital dispoñan de recursos minerais autóctonos obtidos de maneira responsable. Neste camiño, a Consellería de Economía e Industria acometeu melloras no visor de dereitos mineiros coa incorporación de novas funcionalidades, entre elas unha ferramenta baseada na intelixencia artificial con capacidade preditiva e un sistema de consulta de vértices.

A nova ferramenta permitirá aos solicitantes delimitar con maior precisión os dereitos mineiros e facilitará a elaboración dun informe coas coordenadas da zona seleccionada para a súa incorporación á correspondente solicitude.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia