Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta e o grupo chinés Citic Group, con planta produtiva no Porriño, dan continuidade ás xuntanzas para estudar novas vías de colaboración

  • Alfonso Rueda e María Jesús Lorenzana reuníronse cunha delegación do conglomerado asiático, que opera en sectores como os servizos financeiros, as tecnoloxías industriais, os materiais avanzados, as telecomunicacións ou as infraestruturas de nova xeración
  • O presidente da Xunta ofreceu vantaxes como a estabilidade institucional e a seguridade xurídica, a posición xeográfica estratéxica e “o apoio decidido” da Administración autonómica para facilitar e axilizar a implantación de proxectos de calado
  • A reunión encádrase nunha serie de contactos previos co grupo empresarial chinés, iniciada en maio de 2025 coa xuntanza entre Rueda e o presidente de Citic
  • China International Trust and Investiment Corporation (Citic) produce no Porriño, na factoría de Gándara Censa, grandes compoñentes para sectores como a minaría, o petróleo ou as enerxías renovables

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse cunha delegación do conglomerado chinés Citic Group (China International Trust and Investiment Corporation), co obxectivo de avaliar os proxectos que o grupo xa está desenvolvendo en Galicia e estudar posibles vías de colaboración de cara ao futuro. Citic Group é un dos conglomerados máis grandes e diversificados de China, con presenza en sectores clave como os servizos financeiros, as tecnoloxías industriais, os materiais avanzados, as telecomunicacións ou as infraestruturas de nova xeración. Actualmente, o grupo ten unha base produtiva no Porriño -Citic Hic Gándara Censa- que traballa na produción de grandes compoñentes para sectores como a minaría, o petróleo ou as enerxías renovables.

Na reunión, o presidente da Xunta puxo en valor que Galicia tense consolidado como un territorio seguro e atractivo para investir. Entre outras vantaxes, recordou que Galicia ofrece estabilidade institucional e seguridade xurídica, ademais dunha posición xeográfica estratéxica e un apoio decidido da Administración autonómica á hora de facilitar e axilizar a implantación de proxectos de calado no territorio galego.

Esta reunión encádrase nunha serie de contactos previos con este grupo empresarial. Neste sentido, cómpre recordar que Rueda reuniuse co presidente de Citic en maio do ano pasado; e que a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro cos seus representantes durante a viaxe a China realizada no pasado mes de abril.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia