Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A política mineira da Xunta fai compatible o aproveitamento das novas materias primas críticas e o dos recursos minerais tradicionais como a lousa

 

  • Na inauguración da nova fábrica de Cafersa en Carballeda de Valdeorras, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas matizou que “a aposta da Xunta polas novas materias primas críticas non diminúe nin substitúe a importancia dos recursos naturais tradicionais”

  • Pablo Fernández Vila defendeu que a lousa galega continúa sendo “unha referencia mundial” e que para a Xunta representa “unha actividade esencial, tanto polo seu impacto económico como polo seu peso social e territorial”

  • Avanzou que o futuro do sector dependerá da capacidade para atraer talento e para incorporar coñecemento, cualificación e innovación aos procesos produtivos

No acto de inauguración da nova fábrica de elaboración de lousa da empresa Cafersa en Carballeda de Valdeorras (Ourense), o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou que “a aposta da Xunta polas novas materias primas críticas non diminúe nin substitúe a importancia dos recursos naturais tradicionais como a lousa”.

Fernández Vila, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, incidiu en que “a lousa galega continúa sendo unha referencia mundial e para a Xunta segue sendo unha actividade esencial, tanto polo seu impacto económico como polo seu peso social e territorial”.

“Forma parte da identidade industrial de Galicia e, particularmente, da identidade da comarca de Valdeorras”, salientou o director xeral de Planificación Enerxética e Minas. Nesta liña, puxo en valor o sector galego da lousa “que leva décadas xerando riqueza, emprego de calidade, coñecemento técnico e proxección internacional”.

Nas novas instalacións de Cafersa apuntou que o futuro do sector dependerá en gran medida da capacidade para atraer talento, incorporar coñecemento, cualificación e innovación aos procesos produtivos e lembrou que o Goberno galego, consciente desta realidade, mantén o seu apoio ás empresas que apostan pola modernización cunha liña de axudas destinada a favorecer a competitividade do sector.

Finalmente, Fernández Vila agradeceu a todos os empresarios, directivos e traballadores o seu esforzo “que fai posible que a lousa galega siga ocupando unha posición de liderado no mundo”. Por engadido, felicitou a todo o equipo de Cafersa, referente no sector mineiro, por este novo fito que contribuirá a fortalecer a industria extractiva e transformadora galega e a fixar poboación no rural.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia