Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda reafirma en Belesar o potencial de Galicia para liderar a transición enerxética e consolidarse como referente na produción e almacenamento de renovables

  • Visitou xunto á conselleira María Jesús Lorenzana a central hidroeléctrica que posúe o embalse de maior capacidade de almacenamento e que vén de cumprir 60 anos de historia

  • O presidente da Xunta referiuse a Belesar como exemplo da aposta polas enerxías limpas e lembrou que Galicia é a terceira Comunidade con maior cota de produción de enerxía verde

  • Nos dez primeiros meses de 2024, a porcentaxe de xeración renovable representou o 85,7% de toda a enerxía producida en Galicia

  • Alfonso Rueda considera fundamental que o potencial da Comunidade en renovables se desenvolva de maneira ordenada, con “proxectos que garantan a sostenibilidade ambiental e a preservación do entorno”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o potencial que ten Galicia para liderar a transición enerxética e así consolidarse como referente na produción e almacenamento de enerxías renovables. Así o fixo durante a súa visita ás instalacións da Central Hidroeléctrica de Belesar, que realizou acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Rueda louvou as instalacións de Belesar, ás que salientou como “unha das presas máis importantes de Galicia e de España”.

Así, o presidente do Goberno autonómico puxo esta central hidroeléctrica como exemplo da aposta polas enerxías limpas. No percorrido polas instalacións deste referente de produción enerxética que vén de conmemorar o 60 aniversario da súa construción puido “constatar unha vez máis os recursos naturais que ten Galicia”. A Comunidade é a terceira con maior cota de produción de enerxía verde, e nos primeiros dez meses do ano a porcentaxe de xeración renovable alcanzou o 85,65% sobre o total xerado nas instalacións enerxéticas galegas.

Ademais, Rueda destacou que este potencial que ten Galicia para a produción e o almacenamento de enerxías renovables é fundamental que se desenvolva “con sentidiño” e de maneira ordenada, “con proxectos que garantan a sostenibilidade ambiental e a preservación do entorno”. Por iso, o Executivo autonómico leva a cabo a Lei de recursos naturais para garantir que calquera proxecto deste tipo teña beneficios económicos e sociais no territorio: “Estes proxectos son unha garantía de que se producimos enerxía poderemos abastecer tamén a industrias en Galicia que crean traballo e que necesitan esa enerxía”, rematou o presidente.

O EMBALSE DE MAIOR CAPACIDADE

O titular da Xunta e a conselleira de Economía e Industria estiveron acompañados polo presidente de Naturgy, Francisco Reynés, quen destacou “a gran contribución social e económica” dos investimentos enerxéticos realizados por Naturgy en Galicia. E puxo como exemplo a Belesar, unha das maiores centrais hidroeléctricas de Galicia, co embalse de maior capacidade de almacenamento, e considerada aínda hoxe un fito da enxeñería en España. A presa ten unha altura de 130 metros e unha lonxitude de medio kilómetro. A súa produción media anual supera os 650 GWh, equivalentes ao consumo eléctrico de máis de 200.000 familias.

Francisco Reynés concretou que Naturgy investirá en Galicia, a través da súa filial de distribución eléctrica UFD, 590 millóns de euros ata 2027, un 44% do investimento total da compañía en España, para reforzar e dixitalizar a súa rede eléctrica na Comunidade galega. Reynés destacou varios proxectos en desenvolvemento, como a repotenciación de tres parques eólicos -Novo, Monte Redondo e Somozas-, que permitirán pasar de 172 máquinas a só 28, e que supoñerán un investimento de 150 millóns. Tamén citou o sistema de almacenamento con baterías ‘stand alone’ que se ubicará en Vigo.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia