Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA DESTINA 1,3 MILLÓNS DE EUROS A FOMENTAR A CONTRATACIÓN DE XESTORES DE INTERNACIONALIZACIÓN NAS PEMES GALEGAS CON PROXECTOS EN COMERCIO EXTERIOR

Covandoga Toca  visita empresa

• Está prevista a contratación duns 50 profesionais con formación ou experiencia en comercio internacional de cara a apoiar ao tecido empresarial na busca de novos mercados

• As axudas poderán alcanzar ata o 90% do custo da contratación, e os beneficiarios teñen a opción de solicitar anticipos de ata o 50% dos apoios

• As bases desta nova convocatoria do programa do Igape, que permanecerá activa durante 6 meses, figuran no Diario Oficial de Galicia do 9 de xaneiro

• O programa de xestores de internacionalización súmase ás tres liñas do Galicia Exporta -Empresas, Organismos Intermedios e Dixital- que continúan abertas para a presentación de solicitudes, cunha dotación conxunta que supera os 9 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publicou o 9 de xaneiro de 2024 unha nova convocatoria do programa de xestores de internacionalización, iniciativa que permite ás pemes participantes contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior na procura de seguir a mellorar as súas vendas internacionais. En concreto, a medida, impulsada pola Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape, destina 1,3 millóns de euros a fortalecer a especialización en comercio exterior e á contratación de preto de medio cento de xestores por un período de ata 18 meses. Así, a través desta convocatoria búscase facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior.

Neste sentido, aquelas pemes que teñan o seu domicilio social e un centro de traballo en Galicia, e que acrediten ter en marcha un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior, poden presentar a súa solicitude na procura de obter tanto información sobre profesionais con formación especializada como apoio económico para a súa contratación.

A iniciativa contribúe así á captación profesional de expertos en internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os xestores achegando os seus coñecementos e experiencia.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 9 de xullo ás 14 horas, salvo esgotamento previo do crédito. As axudas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva, poderán alcanzar ata o 90% do custo de contratación, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50% dos apoios. Así mesmo, os xestores, ademais de estar dados de alta como demandantes de emprego na data da contratación, deben contar con titulación universitaria, con titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional, ou cun certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.

LIÑAS DE APOIO DO GALICIA EXPORTA

Neste mesmo eido da internacionalización, cabe lembrar que actualmente están abertas á presentación de solicitudes as convocatorias dos programas Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, tres liñas de apoio que suman máis de 9 M€ na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos.

O obxectivo destes programas é impulsar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia