Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

LORENZANA REMARCA QUE GALICIA NON PODE PERDER A OPORTUNIDADE DA EÓLICA MARIÑA E APELA A SEGUIR POLO CAMIÑO DO “DIÁLOGO E O DEBATE SOSEGADO”

Lorenza remarca

• A conselleira de Economía, Industria e Innovación clausurou o encontro `Rumbo a un futuro sustentable: Fortalecendo a cadea de valor da eólica mariña´, organizado por Asime

• Na súa intervención defendeu que o sector se abra paso conciliando as fortalezas de Galicia nete eido coa preservación dos ecosistemas mariños e coa defensa da pesca

• Reitera a necesidade de abordar cos sectores implicados os retos e oportunidades da eólica mariña: “O que non podemos facer é quedarnos quietos”, enfatizou

• Destaca as aportacións técnicas do Observatorio de Eólica Mariña e do Clúster de Eólica Offshore

• María Jesús Lorenzana confía en que neste sector o Goberno central “non caia no mesmo erro en que caeu cos fondos europeos”

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, apelou a seguir polo camiño do diálogo e o debate sosegado para abordar conxuntamente cos sectores implicados os retos e oportunidades da eólica mariña en Galicia e as estratexias para potenciar a cadea de valor.

“Entre todos temos que seguir traballando para o futuro da eólica mariña en Galicia. Este é o noso modelo, é o modelo da Xunta de Galicia”, dixo durante a súa intervención na clausura do encontro `Rumbo a un futuro sustentable: Fortalecendo a cadea de valor da eólica mariña`, organizado por Asime.

Lorenzana explicou que, para o Goberno galego, a eólica mariña ten que abrirse paso conciliando, por un lado, as fortalezas de Galicia neste eido: a capacidade de xeración renovable, o desenvolvemento industrial e loxístico en eólica offshore e a competitividade do tecido industrial. E, por outro, a preservación dos ecosistemas mariños e a defensa dun sector como a pesca, que é o sustento de moitas familias.

Segundo dixo, esa é a razón de ser do Observatorio de Eólica Mariña, polo que avogou por seguir avanzando da man do sector industrial e das organizacións e asociacións vinculadas á actividade marítimo-pesqueira. E, tamén, acumulando experiencias e coñecementos coas comunidades de Asturias e Cantabria no marco do Clúster de Eólica Offshore.

“O que non podemos facer é quedarnos quietos”, enfatizou, para subliñar que “Galicia non pode perder esta oportunidade”. “Estamos preparados para seguir dando pasos adiante sen présa pero sen pausa, e seguindo este proceso de consulta”, aseverou.

ESPAZO DE CONSENSO

Neste contexto, volveu reiterar ao Goberno “o necesario desenvolvemento de todas as ferramentas para que a eólica offshore se poña en funcionamento desde este espazo de consenso” e puxo de manifesto que non se tiveran en conta as suxestións feitas por Galicia aos Plans de ordenación do Espazo Marítimo (POEM).

Ao respecto, a conselleira de Economía, Industria e Innovación confiou en que o Executivo central “non caia no mesmo erro en que caeu cos fondos europeos” e que “exerza a cogobernanza coas comunidades autónomas na execución e desenvolvemento dos proxectos”, concluíu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia