Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

LORENZANA RECLAMA DO GOBERNO CENTRAL “FEITOS E CERTEZAS” PARA EVITAR A DISCRIMINACIÓN DE GALICIA NO REPARTO DE FONDOS EUROPEOS

Lorenza reclama do goberno central

• En referencia ao proxecto de Altri, a conselleira de Economía, Industria e Innovación lamenta que a falta de concreción do Executivo central coincida co “silencio, pasividade e complicidade” de PsdeG e BNG

• Detallou que a Xunta segue adiante coa tramitación deste Proxecto Industrial Estratéxico e que a empresa rematou a elaboración do proxecto e do estudo de impacto ambiental

• Lorenzana precisou que dos oito Pertes industriais anunciados, só se resolveu ou adxudicou o 27,5% do orzamentado e que Galicia só foi beneficiaria co 4,93% do total asignado, pese a ser unha das primeiras Comunidades en presentar a súa estratexia

• En contraste, comunidades como Cataluña e Valencia recibiron axudas directas, mentres que Galicia ten paralizados destacados proxectos industriais que suman máis de 2.000 millóns de euros e que están á espera do Goberno central

• A iniciativa de Altri e outras de carácter estratéxico para Galicia requiren ademais que o Executivo aclare como se garantirá a interconexión eléctrica necesaria

• A conselleira lembrou que a actual é “a última oportunidade para investir de forma eficiente e xusta” fondos dirixidos a garantir proxectos industriais e estratéxicos que contribúan á descarbonización e a unha economía “máis dixital e verde”

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, pediu certezas ao Goberno para o proxecto que Altri pretende desenvolver en Palas de Rei. Lorenzana, que contestou no pleno do Parlamento unha pregunta sobre a situación da iniciativa, lamentou a discriminación á que a Comunidade está sendo sometida por parte do Executivo central co silencio, pasividade e complicidade de PSdeG e BNG.

Fronte a esta actitude, avanzou que a Xunta segue adiante coa tramitación desta iniciativa declarada Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) polo Goberno autonómico. Así, a empresa rematou a elaboración do proxecto e o estudo de impacto ambiental que será sometido a información pública nas vindeiras semanas.

Na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, a conselleira asegurou que a boa disposición e boas palabras amosadas polo Goberno do Estado nas últimas reunións non son suficientes e que se precisan feitos e certezas. Por unha banda, é preciso saber cales son as axudas no marco dos fondos de recuperación e resiliencia que pode recibir este proxecto.

Neste sentido explicou que dos oito Pertes industriais anunciados, só se resolveu ou adxudicou o 27,49% do orzamentado e Galicia, a pesar de ser das primeiras Comunidades en presentar unha estratexia, só foi beneficiaria co 4,93 % do total asignado. Mentres, outras comunidades como Cataluña e Valencia recibiron axudas directas. Galicia conta con proxectos industriais destacados que suman máis de 2.000 M€ e que están agardando polo Goberno central.

INTERCONEXIÓN ELÉCTRICA

Doutra banda, Lorenzana manifestou que Altri precisa que o Executivo aclare como se garantirá a interconexión eléctrica necesaria. Nesta situación tamén se atopan outras iniciativas que precisan 1.200 MW adicionais e que, de consolidarse, suporían investimentos por máis de 6.300 M€. Por iso, desde a Xunta xa se demandou que se inclúan modificacións da actual planificación eléctrica coas infraestruturas precisas para garantir a demanda.

A conselleira subliñou que se trata da última oportunidade para investir de forma eficiente e xusta uns fondos dirixidos a garantir proxectos industriais e estratéxicos que contribúan á descarbonización e a unha economía máis dixital e verde, polo que reclamou que Galicia sexa tratada en igualdade de condicións. Neste sentido asegurou que seguirán os contactos co novo ministro de Industria.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia