Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana anuncia que a ampliación do Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar incrementará a superficie en preto do 40%, ata os 833.000 metros cadrados

  • Durante unha visita a este polo industrial asegurou que “estamos nun día importante para Ourense e para este parque no que xa hai instaladas máis de 100 empresas”
  • A publicación no DOG da aprobación inicial do instrumento de planeamento do Pereiro de Aguiar permitirá “que as obras de ampliación deste polígono poidan ser unha realidade” ao tempo que xa se traballa no proxecto de urbanización, destacou a conselleira
  • Remarcou que un dos grandes obxectivos desta lexislatura é axilizar o desenvolvemento de solo nos concellos e comarcas con carencias na oferta
  • A Xunta comezará as obras de ampliación do Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar a finais de 2027, e a instalación de empresas na nova superficie será unha realidade no 2028

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que a ampliación do polígono do Pereiro de Aguiar (Ourense) suporá un incremento do 38% da superficie do parque empresarial ata superar os 833.000 metros cadrados, polo que “estamos nun día importante para Ourense e para este parque no que xa hai instaladas máis de 100 empresas”, precisou.

Lorenzana visitou o polígono industrial onde explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) do 19 de marzo publicará a aprobación inicial do instrumento de planeamento do Pereiro de Aguiar “para que que as obras de ampliación deste polígono poidan ser unha realidade ao tempo que xa estamos traballando no proxecto de urbanización”, sinalou.

Así, explicou que “tratamos de facer as cousas con axilidade pero sempre con respecto aos trámites administrativos e medioambientais, e sobre todo intentando acompañar ás empresas e traballar da man dos rexedores municipais e das deputacións para coñecer onde hai necesidade empresarial”, argumentou a conselleira.

Neste sentido, avanzou que a Xunta comezará as obras de ampliación do Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar a finais do ano 2027 “para que este polígono sexa unha realidade e para poder empezar a instalarse as empresas a partir de 2028”, avanzou. Unha actuación que se suma ás que xa se están a desenvolver en San Cibrao da Viñas, Xinzo de Limia ou O Carballiño.

AXUDAS PARA A MELLORA DOS PARQUES EMPRESARIAIS

Ademais, a titular de Economía e Industria lembrou que a Xunta continúa traballando para mellorar os polígonos, e neste marco, explicou que O Pereiro de Aguiar recibiu o ano pasado case 70.000 euros da orde de axudas que o Goberno galego convoca para a mellora de infraestruturas de parques empresariais. “En total, no 2024 concedemos case 500.000 euros para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques da provincia de Ourense”, apuntou.

Finalmente, Lorenzana explicou que unha das metas da Xunta nesta lexislatura é “tratar de axilizar o máximo posible o desenvolvemento de solo naqueles concellos e comarcas onde vemos que se pode continuar desenvolvendo economicamente a zona e non existe solo dabondo”, afirmou. “Cremos que temos que ter un desenvolvemento industrial nesta provincia e un desenvolvemento industrial homoxéneo en toda a Comunidade”, insistiu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia