Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Oficina Económica de Galicia incorporará un novo servizo de asesoramento para empresas especializado en proxectos de defensa, seguridade e do sector aeroespacial

  • A conselleira de Economía e Industria explicou no Parlamento que esta iniciativa forma parte da Estratexia Galega do Aeroespazo, Seguridade e Defensa, que busca a entrada de sectores estratéxicos como a automoción, naval, metalurxia e as TIC
  • No primeiro ano de funcionamento, a Oficina Económica de Galicia leva atendidas máis de 22.600 consultas, o 85% delas resoltas no acto
  • Como medida fronte á política arancelaria dos Estados Unidos, está a dar apoio á antena do Igape en Miami para axudar ás empresas a fixar novas estratexias de exportación

A Oficina Económica de Galicia incorporará nas vindeiras semanas un novo servizo de asesoramento especializado en proxectos de defensa e seguridade, e no sector aeroespacial. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, fixo este anuncio en resposta a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de Galicia, e precisou que esta medida é parte da nova Estratexia Galega do Aeroespazo, a Seguridade e a Defensa, que busca impulsar o sector aeroespacial ligado á defensa e á seguridade, e atraer cara a este segmento de actividade empresas de sectores estratéxicos en Galicia como son a automoción, o naval, o metalmecánico ou as TIC.

A conselleira asegurou que, no obxectivo de desburocratizar e ofrecer un acompañamento continuo e personalizado ás empresas, na Oficina Económica de Galicia traballan máis de cen profesionais expertos en áreas clave como financiamento, innovación, enerxía ou estratexia empresarial, pero tamén en novas temáticas, como pode ser o climate proofing, para garantir que os proxectos de infraestruturas estean deseñados tendo en conta os impactos actuais e futuros do cambio climático.

Segundo precisou Lorenzana, no primeiro ano de funcionamento, esta entidade leva máis de 22.600 consultas atendidas; o 85 por cento delas, resoltas no acto. Tamén se celebraron máis de 1.000 reunións presenciais con empresas.

Por outra parte, como medida para facer fronte á nova política arancelaria dos Estados Unidos, lembrou, a Oficina Económica de Galicia tamén dá apoio á antena do Igape en Miami, para asesorar as empresas na súas estratexias de exportación e mesmo para facilitarlles que poidan “abrir novas portas comerciais”, concluíu.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia